Opinión

Reclamemos privilexios

Teño escrito con certa frecuencia nesta columna que a solución ó problema de avellentamento da poboación da nosa terra, así como ó problema demográfico que disto e doutras causas se deriva, non se soluciona xa con máis ou menos ben intencionadas medidas de promoción municipal da natalidade, nin sequera con proclamas de amor para que a nosa xuventude non arranque cunha man por diante e outra por detrás, cara terras descoñecidas para acabaren agachando a súa frustración universitaria detrás dunha barra de calquera pub británico, se non que precisa de políticas deseñadas en instancias ben superiores, capaces de modelar tendencias e atraer a xentes doutros lugares -poñamos por caso, os retornados venezolanos- que acaben compartindo vida con nós, nas nosas cidades, nas nosas vilas e, como non, nas nosas aldeas.

Volvo hoxe, sobre este asunto, tan vital para o noso futuro como recorente nos meus miolos, logo de ter seguido parcialmente a reclamación de privilexios que seguramente acabará conseguindo o actual presidente da Generalitat tralo seu paso pola Moncloa e ó mesmo tempo ler como esta fin de semana o Couto Mixto volveu lucir solemnes capas e rigoroso acto de lembranza para non esquecer que hai 150 anos un decreto púxolle final ós privilexios que no fondo do túnel do tempo lle foran concedidos pola realeza hispano-lusa.

Que Galicia non recuperará o desenvolvemento demográfico mínimo para sosterse sen caer polo precipicio -igual que o ciclista precisa dunha velocidade mínima para manter o equilibrio-, ata que recupere unha media de idade significativamente máis nova, máis que unha evidencia é un axioma que non ten rebatemento posible en foro ningún que se presente.

E que para iso precisa que dende o Parlamento comecen a lexislaren certos privilexios, e dende goberno autónomo e as outras institucións do Estado  empecen a aplicaren de inmediato políticas correctoras, é outra evidencia que todos damos por obvia, pero que ninguén acaba de levar ó ambito da práctica.

Sen embargo, vemos como, alicerzada nunha cuestión de máximos, por veces histriónica e dende hai tempo tan cansina como insufrible, ós responsables da política catalá, agora simbolizados nese singular persoeiro vestido de moi honorable presidente, non lle doen prendas para reclamaren máis e máis privilexios para ese saco sen fondo no que se teñen convertido ós ollos da gran maioría do resto dos españois.

Por iso que, tomando como exemplo o periódico simbolismo das solemnes capas do Couto Mixto, permítome reclamar que dunha vez por todas afastemos a escenografía cultural á que estamos tan afeitos e comecemos a reclamarmos socialmente e sen complexos, privilexios. Si, privilexios. Baixo o risco de que cando decidamos reclamalos xa non quede aquí nin o cronista que dea fe de nós para o futuro.

Te puede interesar