Opinión

Regresar ó pasado

Non, benquerido lector, non. Non é que me trabucase eu, nin os meus compañeiros da redacción. O título que acaba de ler é exactamente igual có da última columna que escribín o pasado sábado, pero está colocado con toda a intención porque de regresar ó pasado vai ser do que vou seguir reflexionando malia que o tema non sexa o mesmo, é dicir, o da modificación da planta xudicial, senón o preocupante situación pola que transitan as tres Universidades galegas.

As cifras que reproduce a información de hoxe -de onte, para vostede- deste mesmo xornal é, como escribía denantes, certamente preocupante.

En catorce anos o Campus de Ourense, que tanto suor e bágoas custou conseguir, perdeu nada máis e nada menos ca 3 mil alumnos. Se continúa a tendencia descendente, a nada que redondeemos, os mesmos que haberá matriculados dentro de dous ou tres cursos.

Non vou ser eu quen lle vaia dicir á comunidade docente do Campus ourensán cómo debe ser deseñado o futuro da Universidade en Ourense. Se ben, a contundencia que dá saber que dende hai catorce anos polos edificios das Lagoas camiñan cada ano tres mil alumnos menos, debería facer reflexionar a moitos máis cás propias autoridades académicas, igual que debe facer reflexionar a toda a sociedade o devalo imparable polo que se esvaece a sociedade ourensá en xeral.

Neste contexto e dando para o que dá unha columna coma esta, a min paréceme que contra a crítica reflexiva que supuña o titular do pasado sábado no sentido de non cometer o erro de volver ó pasado, respecto do sistema universitario galego, a min dáme que si que deberiamos comezar a valorar a posibilidade de volver ó pasado e, aínda que semelle un imposible, empezar a deseñar un sistema universitario único.

É certo que xa están os edificios. É certo que cada liña formativa xa conta co seu profesorado. É certo que as carreiras -ou os graos- están perfectamente establecidos en cada localidade e que non é tan sinxelo, da noite para a mañá, establecer novos ciclos ou trasladalos de lugar.

Ora ben, realmente ten sentido -pregunto eu- que haxa tres rectores, tres equipos con toda a triplicación que iso conleva para que nas tres universidades haxa tres facultades nas que se estuda historia, comunicación, empresariais ou dereito, por poñer catro exemplos? Repito, simplemente pregunto.

Te puede interesar