Opinión

Os "selfies" e a fotografía

A primeira cámara fotográfica de certo -é dicir, réflex- que apareceu na miña vida, era unha Praktica MTL 50, de fabricación oriental alemá, que lle merquei ó fotógrafo da miña vila, José Luís Montero. Por 15 mil pesetas, se mal non lembro.

Foi alá polo ano 1985, máis ou menos, e con ela aprendín de vagariño -pola técnica empírica do ensaio, erro, ensaio e unhas que outras lecturas guiadas- algúns dos segredos da fotografía.

Dura, como non podía ser menos, dada a súa procedencia xermánica filocomunista, pendurou do meu ombreiro durante bastantes anos, nesta aventura non programada de contar historias cercanas ó longo e largo da provincia, na que embarquei cando decidín esquecer a enxeñería.

Logo substituína sucesivamente por dúas Pentax que cumpriron tamén con creces co seu traballo, ata que a fotografía dixital entrou coma un elefante nunha cacharrería nas nosas vidas e me fixo gastar 420 euros da ala para poder presumir de pioneiro dese mundo que ía democratizar a imaxe ata límites xamais imaxinados.

Mentres camiñaba fachendoso coas miñas réflex analóxicas e a miña Sony dixital "carísima", presumindo de coñecementos físicos da miña época de estudante de enxeñería, sempre reneguei da calidade das cámaras que pouco a pouco ían incorporando os teléfonos móbiles e xurei e perxurei que por un buratiño ínfimo como é o obxectivo dunha cámara fotográfica dos teléfonos era imposible captar a mesma cantidade de luz que capta calquera obxectivo de mediana calidade dunha réflex.

O que non maliciaba eu daquela era que a industria telefónica acabarían construíndo cámaras fotográficas tremendamente sofisticadas, coas que ademais un pode falar por teléfono.

Agora, de cada cen "disparos" que realizo no meu día a día, probablemente non pasen de dous ou tres os que fago coa cámara fotográfica.

Quero dicir, con este relato persoal, que me considero un vello afeccionado á fotografía. É certo que non son un "friki" deses que non vive para outra cousa que para ollar a vida a través do visor da cámara, pero si son consciente de que ocupa unha parte importante dos meus momentos de ocio e, por qué non dicilo, de creatividade ilustrativa.

De aí que, cada vez que teño a oportunidade de escoitar a Manuel Outumuro non perdo a ocasión de facelo, tal como aconteceu nantronte no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Neste caso para oílo desmitificar a fotografía, pero sen restarlle un ápice mínimo de valor ó amor que hai que ter pola procura do "instante decisivo", cousa que non se atopa, como el ben di -con autoridade crítica e certa sorna- precisamente nun "selfie".

Te puede interesar