Opinión

Si. A Galicia ignorada

Si. Eu son un dos que vivo na Galicia ignorada. Por decisión propia, é certo. Pero tamén por compromiso persoal coa miña terra. Coa terra na que viviron humildemente os meus antepasados dende que os tempos son tempos. Coa terra na que naceron os meus pais, os meus avós e denantes deles os meus bisavós e así sucesivamente dende que a miña aldea era denominada nos documentos protocolarios do mosteiro fundado por Rosendo Méndez, "Umeroz" ou "Umeroce" e o regato que hoxe chamamos os veciños de aquí "río da Serra", era rexistrado polos escribáns "río dos Ursos" ou "río dos Osos", vaia vostede a saber por que!

Si. Eu son un dos que vivo nunha aldea -a aldea dos Quintairos- de oito veciños e, como escribía Pascual Madoz a mediados do século XIX, e quince almas. Unha desas aldeas que nantronte rexistraba en contabilidade estatística este mesmo xornal na información de apertura, condenada a desaparecer se a Administración non pon remedio xa, por máis que vivamos a menos de dous quilómetros en liña recta da Praza Maior de Celanova.

Si. Eu son un dos sinalados coa cruz aspada do sambenito da Galicia ignorada por parte da Administración.

Si. A Galicia ignorada, que non baleira, nin baldeira, nin baleirada. A Galicia ignorada, con tódalas letras e toda a carga significativa na nosa liña de flotación.

Non. Nós non moramos na "España vaciada". Nós non somos seres indómitos e residuais dun Estado que nos foi roubando a veciñanza por selección bioquímica ou enxeñería sociolóxica, empurrándonos cara as estacións de tren ou os aeroportos con billete de ida só.

Si. É certo, que somos fillos dun Estado que nos tiña case por escravos no século XIX, mentres outros gañaban para si en liortas intestinas nas que tamén morrían galegos, foros e privilexios dos que gozan, con insultante autosuficiencia por parte dos seus dirixentes, obrigándonos a comungar con rodas de muíño coma se cada habitante desas terras nacese cunha estrela no peito que indica “por la gracia de dios” e por desgracia para nós.

Si. É certo que somos almas cándidas dun Estado que nos enviou á sega e nos queimou ó sol na interminable planicie mesetaria e que nos anulou completamente na guerra do 36 e logo nos transformou en man de obra sumisa e barata para manipular o ferro candente dos Altos Fornos e nos condenou a vivirmos en barracóns en centro Europa ou ó outro lado do Atlántico, sen esquecer, por suposto, o daquela emerxente cinto industrial dos que agora non queren saberen de nós.

Si. Pero non é menos certo que tamén formamos parte dunha sociedade dirixida por unha clase política que leva máis de tres décadas predicando unha ladaíña apocalíptica e tomando decisións marcadas por ese principio adormecedor que rezaba: “Para que imos promover proxectos de futuro –por exemplo , na miña bisbarra- se dentro dunha década non vai quedar nin o empadronador!”.

Si Así foi como se forxou e así se foi volvendo transparente a Galicia ignorada. Esa na que eu vivo e que agora, ou se produce un milagre ou só agarda a que aqueles profetas do fundido ó negro nos dean a extremaunción.

Te puede interesar