Opinión

Tempos de carnes tollendas

Gracias a un libro singular, que os que o recuperaron e levaron a cabo o laborioso traballo de transcribir o manuscrito  e contextualizar o seu contido -é dicir, os profesores composteláns José Miguel Andrade Cernadas e José García Oro-, titularon "Rosendo y Celanova. A la hora de la despedida", souben que, entre outras moitas denominacións, ó tempo de Entroido tamén se lle chama -ou, cando menos lle chamaban- "tempo de carnes tolendas ou carnes tollendas".

Facíao neste caso un monxe descoñecido (porque os investigadores non lograron personalizar a súa autoría) do convento celanovés, que no ano 1815 relatou con grande exhaustividade e sumo detalle, como era a vida cotiá intramuros do cenobio, tanto no "ora" coma no "labora", tanto no silencio coma nas celebracións, tanto no almorzo, coma no xantar e na cea, tanto na comida coma na bebida e tanto, en fin, na vida coma na morte dos que alí dentro convivían.

Pois ben, nun capítulo dedicado á gastronomía dos abades presentado baixo o epígrafe "la comida del monje", ó referirse ó tipo de xantar e de cea que lle ofrecían no refectorio á comunidade por estas datas previas á coresma, o monxe anónimo fala literalmente de "lunes de carnes tollendas".

Encaramos, pois, o tempo de "carnes tollendas" na provincia, logo de que as crianzas todas de Ourense teñan feito o seu entroido limiar cos mestres nas escolas, xa que logo, no propio entroido, todos entran en tempo de vagar.

Encaramos o tempo de "carnes tollendas" vivindo días de eclosión de pequenos entroidos, máis antropolóxicos ca tradicionais. Entroidos, que permanecían en arcas apolilladas e vellos bahuis abalorados, durmindo o sono dos xustos e que nos últimos anos comezaron a aflorar á luz das corredoiras aldeás para satisfacción compartida de novos e vellos.

O pasado xoves este mesmo xornal daba boa conta dalgúns deles nunha reportaxe cuxa lectura estou completamente seguro de que faría sumamente feliz ó profesor Fidalgo Santamariña, se a vida lle tivera concedido a oportunidade que non lle quixo conceder.

Son entroidos que non precisan de sesudos estudos científicos, nin profundas investigacións históricas porque se algo permite o entroido é licencia para a imaxinación.

Entroidos que seguramente comezan a darlles toques de atención a aqueloutros que tanto teñen querido crecer que comezan a correr o risco, o grave risco de morrer de éxito ou por superación.

Te puede interesar