Opinión

Turismo, a galiña e o primeiro ovo

Unha vez escribín aquí, non lembro moi ben en base a que motivo ou razón, que o turismo era un coche.

Non atopei aquela columna para poder darlle unha relectura, pero estou seguro que dado que a idea que manteño continúa a ser a mesma, ámbalas dúas pasarán, se se encontran no camiño, pola peneira da coherencia.

Véuseme á idea aquel titular, ó fío do debate xurdido arredor da planificación do tráfico nalgúns puntos sensibles da Ribeira Sacra e dos problemas de circulación que seica se xeraron nalgunhas estradas que máis ca estradas son pistas da parcelaria, trazadas para acoller algún que outro tractor, algún chimpín e pequenos vehículos da parroquia para achegarse ás viñas ou a calquera outro predio e desenvolver neles os labores propios agrícolas.

Non hai máis de dous ou tres días que volvín ler unha desas informacións recorrentes que aparecen de cando en vez neste e noutros moitos medios e que veñen a dicir que este ou aquel concello acaba de descubrir unha pedra fita megalítica que vai axudar a desenvolver o turismo na comarca, que arranxaron o retabliño dunha capela de San Breixo ou Santa Apolonia, que van incrementar o número de turistas no outeiro, ou que limparon unha verea que baixa ó río  e volve subir pola ladeira contraria e xa está perfectamente sinalizada para que os turistas non se perdan no camiño.

Son, todos eles, exemplos hipotéticos, pero que poderiamos transformar en reais a nada que procuremos na hemeroteca e lles coloquemos os topónimos locais correctos. Exemplos que nos amosan iso de que calquera cousa pode ser turismo.

Pero "turismo", se nos referimos á definición exacta que utiliza a Organización Mundial de Turismo, son "as actividades que realizan as persoas durante as súas viaxes e estadías en lugares distintos ó seu entorno habitual durante un periodo de tempo inferior a un ano, con fins de ocio, negocios ou outros". Actividades que precisan dunha planificación previa -a poder ser multidisciplinar- que vai moito máis alá de atopar un recurso, por moi singular e valioso que sexa, e colocalo nun camiño para que ó pasar o contemple a xente.

Turismo é análise, proxección, planificación e desenvolvemento, e todo iso executado en orde, algo ó que por desgraza (e posible descoñecemento) non estamos afeitos nesta provincia con tanto potencial turístico, digamos tamén de paso.

Por iso, se por exemplo divulgamos e comercializamos a provincia denantes de preparala para darlles servicio ós posibles turistas que se acheguen por aquí, acaba pasando o que pasou este mes na Ribeira Sacra. E así, coma quen non quere a cousa, matamos a galiña e deixámola podrecer denantes aínda que poña o primeiro ovo.

Te puede interesar