Opinión

Un abrazo de 83 años

Corría a primavera de 1935. Manuel e a súa dona, Mercedes, acababan de apadriñar a unha sobriña do seu irmán Enrique, na parroquial de  Santiago de Amoroce.

Puxéronlle de nome María.

Era primavera alta e aínda que descoñezo os motivos concretos da viaxe e os detalles propios da travesía, o que si sei é que ós poucos días, Manuel, Mercedes e o seu fillo, tamén Manuel, tomaron rumbo ó cono sur americano.

Non é que viviran na miseria, nin moito menos. Era unha familia máis dunha aldea calquera de Galicia que tiñan como forma de vida a da labranza e o comercio de gando polas feiras da revolta.

Buenos Aires, sen embargo, malia ós milleiros de millas náuticas que o separaban fisicamente da súa terra natal, exercía un influxo e un efecto chamada do que non se puideron abstraer ámbolos dous.

Foran moitos veciños da parroquia os que xa viaxaran tan lonxe (daquela compaxinaban a cidade cosmopolita surmericana coa máis cercana de Lisboa) e cada nova que chegaba de alá era un motivo máis para tomar unha decisión tan drástica.

Non quero imaxinar problemas familiares porque nunca chegaron ós meus oídos, pero quen sabe. Unha mentalidade aberta xunguida ás ganas de mellorar, unha liorta veciñal, unha palabra máis alta que outra por algún negocio... Quen sabe? O caso foi que o matrimonio co seu fillo pequeno subiu a bordo dun barco en Vigo e deixou as Cíes e a memoria atrás.

Repito, non alcanzo a ver na motivación da viaxe ningunha afrenta familiar porque durante moitos anos as cartas ían e viñan con estremada regularidade e as novas familiares corrían de aquí para alá acompañadas de fotografías que ían relatando, dun lado e do outro, a evolución familiar.

Manuel e Mercedes asentaron a familia no barrio de San Justo, con outra filla, Mercedes e o tempo continuou a pasar ata que o ciclo da vida comezou a murchar, tanto aquí como acolá, e uns detrás de outros foron cruzando a liña do silencio sepulcral. Os primeiros no mesmo panteón familiar de Santiago de Amoroce e os segundos no camposanto de San Justo, ó outro lado do mar.

En xusta correspondencia as cartas, que ían e viñan por "air mail" coma as gaivotas, deixaron de voar e o silencio xa non fixo falla que fose sepulcral, caeu coma unha lousa sobre as xeracións seguintes, ó perderen entre eles o contacto cotián.

O pasado xoves -logo dun primeiro traballo de esculca case policial a través da rede- a cafetería do hotel Savoy de Buenos Aires foi testemuño dun abrazo fraterno entre o fillo daquel neno Manuel e o fillo de María, aquel criatura recén bautizada denantes de marchar.

Oitenta e tres anos tardou o ciclo en se pechar. Pero, pódolle asegurar que o tempo non enfriou o abrazo que nos demos Ricardo e máis eu, os fillos de Manuel e María, porque eramos conscientes que dalgún xeito estabamos cicatrizando unha vella ferida familiar.

Te puede interesar