Opinión

Unha detención

Imaxine, benquerido lector, que en vez de ser detido nunha estación de servicio dunha autoestrada, alá onde a Europa continental toma forma de lingua no mar da sereíña, e no canto de ser detido no domingo de Ramos, fose capturado hai xa cinco meses, alá polos primeiros días de outubro.

Imaxine, repito, o relato que describo de contado:

O protagonista da historia é un cargo público electo que xamais se sentira investigado nin acosado por ningunha forza policial. Faltan uns minutos para as oito da maña dun día gris de outono do pasado ano, cando o protagonista do suceso se dispón a saír do seu domicilio para, como adoitaba facer cada día laboral do ano, acudir ó seu despacho na institución que presidía, e de súpeto se atopa con dous educados policías que, logo de lle dar educadamente os bos días e de identificarse axeitadamente como tales amosándolles as placas correspondentes, lle din que por orde dun xuíz -ou dunha xuíza, neste caso dá o mesmo- o van ter que acompañar.

Imaxine que, denantes de se dar espreguizado sequera, a continuación vese metido nun coche camuflado celular, camiño de non sabe moi ben onde, porque, coñecendo como coñecía a cidade, as rúas polas que ía transitando collían camiño da saída e non cara a comisaría, nin cara o xulgado onde debería estar o xuíz ou a xuíza tal que o estaba a reclamar.

Imaxine que tal como maliciaba o coche encaraba a autoestrada que comunicaba con outra capital e ó cabo, máis ou menos, dunha hora, cando xa lle leran convenientemente os seus dereitos, se ve metido nun calabozo sombrizo, sen que ninguén lle dera ningunha explicación coherente sobre o que estaba a acontecer e tan só lle deban dereito a realizar unha chamada telefónica para poñerse en contacto con algún avogado ou, no seu caso, con algún familiar.

Imaxine que, a partir de aquí comezan a transcorrer horas e horas de silencio que van gañando en escuridade e que a única explicación que vai recibindo con frases extremadamente curtas de suxeito, verbo e predicado, lle indican algo así como que hai unha operación aberta por orde xudicial e que, polo momento, non lle poden dicir outra cousa.

Imaxine que mergullado nese silencio inaudito e sepulcral pasan ata 48 horas illado, ata poder verlle a cara ó xuíz -ou á xuíza- que o acaba de encausar.

Imaxina como estaría arestora Cataluña se o que lle acabo de relatar tivese como protagonista ó expresidente da Generalitat?

Pois non o imaxine, porque, se mal non lembra, isto foi o que lle aconteceu ó alcalde de Ourense de hai uns anos, Francisco Rodríguez, quen segue a agardar unha resolución xudicial que, en todo caso, xamais borrará da súa vida o inferno que lle fixeron pasar.

Lembrei nantronte este episodio e non puiden deixar de pensar en que, en comparanza, ata ten tido sorte, o catalán.

Te puede interesar