Opinión

O vaso medio cheo

Dende que o mundo é mundo o ser humano non leva feito outra cousa ca analizar a vida que en cada etapa ou cada época lle ten tocado vivir, dende a súa propia posición -tanto individual como colectiva- e dende esa subxectividade, máis ou menos lúcida ou miope, actuando en consecuencia, así ten sido cómo, pasiño a pasiño -coma os da Lúa- se acabou provocando a nosa evolución.
Lonxe quedan aqueles tempos nos que o noso planeta era unha superficie máis ou menos (xa o di a propia palabra) plana e queda, que polas mañás ollaba saír polo abrente unha luz inmensa que o mudaba todo e que esa luz marchaba cando tal polo solpor, descubrindo unha inmensa e brillante cúpula na que tamén todos aqueles puntiños xiraban -aínda que doutro xeito ben diferente có Sol- ó seu redor.
Lonxe quedan, pois, aquelas crenzas que facían de nós -o ser humano- o corazón do universo no ámbito da cosmoloxía, que non no da propia condición de seres humanos que somos. Non en van, dado que non nos foi dada a capacidade de extrapolación ou de exoneración do nós, malia que agora sexamos conscientes de sermos unha infinitésima motiña de pó nunha alonxada esquiniña dun cosmos ó que non lle coñecemos dimensión, resulta tamén obvio que dende a perspectiva visual e sensitiva que nos foi dada, todo canto vemos, escoitamos ou sentimos, vémolo, escoitámolo ou sentímolo sempre dende o noso interior e nunca dende a posición de outro, simplemente porque é metafisicamente un imposible. E nese intrincado e permanente xogo de perspectivas ó que diariamente nos confrontamos cos que -nunca mellor dito- se atopan ó noso redor, moramos sen remisión.


Estes días, dúas propostas, baseadas nesta obviedade tan vella coma a propia evolución, foron "trending topic" dos medios de comunicación. A primeira, ese vaso "medio cheo" que un "artista" cubano colocou sobre unha táboa en Arco e lle puxo -non vou ser eu quen o cualifique de desorbitado- o prezo de 20 mil euros. E a segunda ese vestido que seica era azul e negro, branco e dourado ou añil e marrón, segundo o nivel de lixo que houbese na ollada do observador.
E isto -é dicir, esta nimieza ou esta grandeza, segundo se mire- é a que fai posible que uns vexan branco onde outros ven negro, que uns sintamos frío onde outros senten calor e que uns pensemos que hai un barranco onde outros só ven un escalón.
Logo, gracias a unha conceptual suma de subxectividades, o individuo tense ido constituíndo en colectivos que se organizan por aldeas, parroquias, países, relixións, partidos políticos ou meras asociacións.
Eu, polo de pronto, seguíndolle o xogo ó artista conceptual cubano, propoño que fundemos de vez o colectivo do "vaso medio cheo", porque do vaso medio baleiro, sinceramente, estou ata os "c...ons".

Te puede interesar