Opinión

Vostede non sabe con quen está falando

Entre os centos e centos de columnas -non é unha esaxeración- que levo "erguido" nesta páxina, non lembro moi ben cal foi o misto que a acendeu, pero si sei que escribín unha na que aludía á enorme responsabilidade coa que deberían andar pola rúa e, sobre todo, entrar cada día no Pazo do Hórreo, os 75 responsables institucionais que representan a toda a sociedade no Parlamento de Galicia.

Facíao, sen mergullarme en cuestións de carácter moral, social, filosófico ou político, sostendo o meu argumento nunha simple regra de tres aritmética, que penso que demostraba ás craras, sen ningún xénero de dúbidas, a carga de valor que debería ter un asentimento positivo cando as formacións políticas que se presentan ás eleccións lles consultan se estarían dispostos a formar parte da súa candidatura para ese cometido.
Como digo, a regra de tres é ben simple e clarividente: Se actualmente en Galicia vivimos algo máis de dous millóns setecentas mil persoas e eles -e elas-,  como acabo de sinalar, son 75, iso quere dicir que cada home ou muller que ocupa de cote o seu escano no hemiciclo da vella facultade de veterinaria compostelá, arrastra coa súa acta acreditativa a máis de 36 mil persoas. Ou, o que ven a ser o mesmo, cada decisión persoal ou política que tome, dentro ou fóra do hemiciclo, implica a nenos e nenas, mozos e mozas, homes e mulleres, e vellos e vellas, que colocadas todas xuntas e ben apertadas case non caberían en dous campos de fútbol. Ou, facendo outro símil máis didáctico, ben colocadiñas en fila india e coa distancia suficiente para camiñar, viría ser coma se o parlamentario -ou parlamentaria- levase tras de si un ronsel de 36 quilómetros.

Si. Xa sei que isto non deixan de seren pequenas brincadeiras que os columnistas nos outorgamos como licencia para mantelo entretidiño -benquerido lector- mentres toma o café matinal ou cando se pon a consultar a rede nun momento de lecer ou ocio. Pero, non me diga que non son ilustrativas -sobre todo a última- das obrigas e compromisos que contrae un cando dá o "si quero" a ir nunha lista ó Parlamento Galego.

Ven isto a conto da actualidade protagonizada hai uns días por unha moza parlamentaria que seica ía polas rúas de Santiago "custodiada" por non moi boas  compañías e cando se toparon coas forzas da orde pública, soltou aquilo, tan anacrónico e desfasado coma o de "vostede non sabe con quen está falando!"
Agora andan na súa formación -ou formacións- a debateren se debe ou non debe ir penar a arroutada infantil para a súa casa, mentres eu me debato entre se propoñer ou non que os posibles candidatos superen o sarampelo denantes de ir xurar ou prometer o cargo a tan ilustre “Canastro”.

Te puede interesar