Opinión

Xustiza preventiva

Póñome a ler o caderno especial que informa sobre unha nova edición da Festa da Istoria que hoxe volverá ateigar as rúas de Ribadavia con esa masiva representación tan ben artellada pola veciñanza da capital do Ribeiro e reparo nos pormenores do xantar medieval que, coma tódolos anos, terá lugar na antiga igrexa da Madalena, chamándome a atención o menú que servirán nesta ocasión, que seica vai estar composto de "empanada de carne ó estilo Xelmírez, empanada de chocos na súa tinta, empanada de xoubas ó estilo Xelmírez, selección de queixos do país, pulpo do mosteiro de Oseira á feira e cabrito á maneira da Istoria, e todo elo regado con augas da fonte da prata e viño branco e tinto, loxicamente do Ribeiro, así como outras viandas de sobremesa", que xa hai que ter "saque" para dar conta del.

Leo todo iso e váiseme a idea a singular acontecemento histórico que coñecín hai uns días gracias á medievalista coruñesa xa un pouco ourensá, Beatriz Vaquero Díaz, que acaba de publicar na revista Rudesindus e que paso a resumir de contado porque case 550 anos despois, case cobra actualidade de contexto no marco da celebración da devandita Festa da Istoria.

Aborda, o devandito documento -datado o 16 de setembro de 1480-, a redacción dunha "carta de seguro" que os denominados reis Católicos, Isabel e Fernando -que tanto monta, monta tanto- lle conceden ó mosteiro de Celanova "para protexelo de Xoán Pimentel, Bernardino Sarmiento e outros cabaleiros do Reino de Galicia".

Nel fan saber os monarcas que o abade celanovés pídelles protección, xa que "por odio e malquerencia" que seica lle profesan os mencionados Xoán Pimentel e Bernardino Sarmiento, "conde de Ribadavia", temen que nalgún momento "os ferirán ou matarán ou ligarán, ou prenderán ou os tomarán pola forza e contra a súa vontade, e non só a eles, senón ás rendas e vasalos e herdades ou bens e gandos do propio convento".

Polo que reflicte o curioso documento, a solicitude do abade cumpriu o seu cometido e aqueles que logo ordenarían a "doma e castración de Galicia", deciden facer pública a mencionada "carta de seguro" -que ven a ser algo así coma un edicto de "xustiza preventiva"- no que lle ordenan ó conde ribadaviense e ó resto de señores feudais que "non os firan, nin maten, nin manquen, nin prendan, nin lles fagan nin lles manden facer ningún dano nin desaguisado" e ordenan "que se faga pregoar publicamente por feiras e mercados", advertíndolles que no caso de non obedecer "se proceda contra eles"  coas "maiores penas civís e criminais" ou "pena de dez mil maravedís" a cada un.

Descoñezo se a ameaza real anulou os seus devezos. O que si desvela o pergameo é que, como ben saben en Ribadavia, a historia é o suficientemente rica como para asentar calquera recreación. Só hai que deixarse guiar polos historiadores coma Beatriz Vaquero, que son os que coñecen os documentos.

Te puede interesar