Cremos na victoria

Cremos na victoria

Fai nove anos as bágoas caeron na camisola do Breogán na Liga ACB por última vez. Unha derrota en Valladolid meteunos de cheo nunha das etapas máis duras  nivel deportivo e institucional. Os fixos do Pazo levamos nove anos vivindo os altibaixos propios da LEB. Pavillón con pouco máis de 2.000 persoas, frío, goteiras, distanciamento das institucións que outrora enchían o palco, ignorados pola televisión pública e loitando, ademais, contra fantasmas propios.


Estes últimos nove anos foron moi duros. Eses 2.000 que case nos coñecemos as caras sabémolo ben. Por iso e porque cremos nos que este ano dirixen o equipo e nos que defenden as cores no parqué aínda cremos. Cremos en Lisardo e Quique Fraga. En Belén. Tamén en Miragaya. Cremos en McGhee, Samb, Van Wijk, Mortellaro e Edwards. Cremos en Matulionis e en Llorca, en Álex López, Sergio Sánchez, Dani López e Chapela. Cremos no que se senta ao lado cada partido vestido coa camiseta azul. Pode ser que non lle saibamos o nome pero sabemos que estivo cando eramos 2.000 e agora se apreta ao noso carón porque somos 6.000.  Seguimos creendo porque, ademais, #merecémolo.


O martes iremos a Ourense para cambiar as bágoas de fai nove anos. Queremos que sexan de alegría. Iremos gozar dunha nova festa do baloncesto galego, esa que para a CRTVG non vale os 6.000 euros que custan os dereitos para emitir os cinco partidos. Esa que para a Federación Española de Baloncesto non é o suficientemente importante como para mandar representación sendo que desta loita fratricida sairá o único candidato claro a saír na próxima temporada en ACB por reunir as condicións económicas como para afrontar tal paso.


O Paco Paz en pé cantará o himno galego e logo cada un tirará para o seu lado todo o que poida e máis. Non está o asunto para menos. Ao final, pase o que pase, os do Breogán acabaremos cantando “Ourense, Ourense!” e os do COB “Breogán, Breogán!”.  Por que? Porque os irmáns poden pelexar pero sempre se defenderán un ao outro. Que gañe o mellor!