Sísifo, este ano si

Sísifo, este ano si

A pedra está chegando á cima do monte. Sísifo ve o seu obxectivo preto pero, no último e fatídico momento, a rocha comeza a rodar pola ladeira e cun estrondo que encolle calquera corazón humano as esperanzas do castigado esvaécense. Outra vez máis debe comezar de cero. Non hai descanso para o maldito.
En Lugo coñecemos ben a Sísifo e a súa maldición. De feito, todos levamos un pouco do seu castigo ás costas. Nove anos empurrando a pedra do ascenso polo deserto da LEB, subindo e baixando para comezar o camiño de novo. No Breogán aprendemos a gozar tamén da travesía, por dura que sexa. Conseguimos facer de cada mal momento un motivo máis para estar máis unidos nun Pazo que foi afinando a súa voz ata soar atronador como o fai este ano. Apoiados nuns incansables Embreogados e Peña Breogán, as case catro mil voces que despedían na última xornada a un derrotado Palencia cun gran ”…azul y blanco hasta que me muera!” confían en darlle o empurrón final á pedra do ascenso.

No camiño un derbi galego, un COB que tamén coñece a maldición de Sísifo, un equipo e unha cidade con sede de ascenso que busca igualar o rexistro de victorias do Breogán na loita polo mesmo soño. O Pazo vivirá un paso atrás e outro adiante de dous xigantes que comparten paixón e sangue, a da historia do baloncesto galego que viaxa polo Miño de norte a sur.

Frank Underwood, o maquiavélico e ambicioso congresista interpretado por Kevin Spacey na serie House of Cards, ten un particular código de conducta que di que para cambiar un “non” por un “si” hai que pasar primeiro polo “quizais” e que é importante, no tempo que dure a espera, non caer no desalento coma Sísifo. En Lugo vivimos o “quizais” de xeito intenso durante anos e agora estamos preparados para o “si”, para o “este ano si”.