Opinión

POR ACHEGARSE TANTO

Non te sorprendas. Dende que o mundo é mundo a adversidade sempre rematou machacando ao pobre que pasaba por alí. Sempre houbo rescatadores de patrias e patrias fatalmente rescatadas. Desgraza sobre desgraza, incompetentes con carteira e moito conto. Imaxina. Na torre escura á princesa Clara e na verde herba ao príncipe Azul.


Se te achegas o suficiente poderás oír cómo discuten. Ela pídelle ao príncipe que, xa que pasou xunto ao castelo, suba á torre a rescatala, que alí o seu pai a ten recluida. Hai na parede ocos onde poñer puntas dos pés e xemas dos dedos para un ascenso espinoso, aínda que efectivo. Porén, o príncipe responderalle á princesa que non pode subir porque sufre mal de alturas, que se tire ela e que el aprestarase a recollela cos seus fornidos brazos. Se te achegas máis, verás que ela escandalízase. De ningún xeito unha princesa pode botarse ao chan como se fose un fardo. 'Que sube ti, que para iso es o príncipe Azul. Que te botes ti, princesa, que es pluma que non pesa'. Se te achegas aínda máis, verás a un cabaleiro gordo que ven polo camiño á anca dun famelgo e che dirá que te apartes. O cabaleiro chegará onde está o príncipe e ofrecerase a rescata-la princesa a cambio duns cantos miles de maravedís. O príncipe aceptará a oferta e lanzará a súa bolsa de moedas ao cabaleiro que, co diñeiro no seu poder, esquecerase da súa promesa, espoleará ao seu penco e darase á fuxida. Se te achegas máis, verá o xesto rabioso do príncipe ao se ver enganado. E se xa te achegas ata as entrañas, diraslle que non se soliviante e poderás aconsellarlle que, se padece de vértigo, ascenda á torre cos ollos vendados, que é recurso santo. O príncipe te mirará con desdén, non aceptando consellos de aldeáns, pero ao final consentirá que ti mesmo lle poñas a vendaxe. E así, cos ollos cubertos agarrarase ao muro, tanteará os ocos e principiará o ascenso. Aos poucos minutos, cando o príncipe acada a metade da parede, a princesa que, dende a súa altura non ve moi ben os movementos de ninguén, gritará: ¡Sexa como queres, abre os brazos príncipe, que alá vou! E lanzarase sobre el. Apenas che dará tempo a apartarte; a princesa Clara, que non é pluma, caerá xusto por riba de ti. Princesa e aldeán aplastados sobre o chan convertidos nun saco de lamentos.


O príncipe que ao escoita-las queixas, quitarase a venda e ollará cara abaixo. Caerá tamén, preso do tremor, sobre volos dous. O rei, ao que espertarán da sesta, achegarase en delirante comitiva á torre. O príncipe Azul, bastante maltreito, vendo vir ao rei, sairá por pernas. O rei, ante tan despatarrado panorama, levantará o seu brazo e vaite sinalar co dedo: 'Aldeán, es o culpábel. Pagaralo caro'. E ti, moído e choroso, pensarás: Isto ocórreme por achegarme tanto.

Te puede interesar