Opinión

O ARRANXO DE PUIG

De cotío, a política é unha cuestión de sorte e Ximo Puig tivo a fortuna de saír elixido na resaca das celebracións polos relativamente bos resultados do PSOE en Asturias e Andalucía. Melloran as perspectivas e é un detalle que non vin subliñar a case ninguén, quizáis apesarados -os analistas- por case dúas décadas de pesimismo en canto á resucitación do cataléptico. Outro detalle ao seu favor é que Ximo Puig foi un meritorio daquela chamativa xeración socialista dos oitenta que tamén tivo a fatalidade astrolóxica de acadar un bo encaixe entre os seus xeitos e o ar do tempo que viña marcado por certa impaciencia por pasalo ben, arquivar maiúsculas políticas e soterrar a Franco -e a quen o combatiron- nun estrato moi profundo de Colgamuros.


Porén, o arranxo de Puig -así lle chamarei- non pode ser de factura máis clásica: o típico patchwork ou encaixe de bolillos que integra a todas as gandeirías e remata no aprobado xeral. Nada que obxectar: non hai cultura máis asentada nos partidos que a tectónica de placas, é dicir o mantemento do status quo so pena de provocar, en caso de remocións, un movemento sísmico. É o que intentou, sen atino ou sorte, Jorge Alarte, quen, por outra banda, isto si atrévome a dicilo porque o sei, non foi capaz de galvaniza-los poderes que ían emerxendo na sociedade mentres a gusaneira apoderábase dos conservadores e a súa política nos fundía en profundas cotas de vileza e fracaso.


Así que non me parece mal, senón ao contrario, que Ximo Puig se aúpe á secretaría xeral dos socialistas valencianos. Peor, moito peor, sería ter a Leire Pajín de cabeza de cartel (e non quero dar ideas) porque a realidade volveuse tan ordinaria que se volve a falar do poder adquisitivo dos traballadores e o exército laboral de reserva, 'qué barbaridad' (que diría Carlos Casares), nin que regresaramos a Indochina, e fai falta un candidato poderoso, electrizante, sedutor e peleón. E que ese candidato se vaia configurando dende abaixo nun proceso de primarias aberto a todos. A todos os interesados.

Te puede interesar