Opinión

BOCA ABAIXO

Estaba preparado para calquera cousa menos para ver ao emperador Obama pedindo aos líderes europeos que se preocupen menos do equilibrio presupostario e da saúde da banca e un pouco máis das necesidades da xente e dos achaques dos parados. Normalmente, era Europa a apazugadora, a que pedía que non mataran a todos os mouros e indios, a que agasallaba con vendaxes para as pústulas dos homeless, a que, convertida en piadosa dama, suplicaba ao sheriff de Dodge City para que as botas do cowboy non pisotearan as flores ou os cemiterios apaches e houbese algunha piedade para os emigrantes ilegais e as baleas xorobadas.


Agora, Washington parece Atticus Finch, o avogado de 'Matar a un rousinol', e os gobernos europeos ao mando, o caníbal de Milwaukee, pois xa se sabe que ninguén é tan devoto como o converso e o mesmo o tarugo de Sarkozy ?o fillo dun emigrante que acostuma ver os ósos rotos de quenes non treparon ata onde está el como unha recompensa merecida- como Angela Merkel -a máis grande desilusión da tempada, unha pequenoburguesa sen ningunha paixón xermánica-; son neoliberais de adopción: renegados da mellor tradición europea, o Estado do Benestar. A liberdade sen compaixón e posibilidades para todos vale o mesmo porque a liberdade sempre vale, pero é politicamente menos útil que a libido crepuscular de Berlusconi nun cemiterio de lúas.


En vez de liberar e abaratar créditos á produción e deixar que o estado lle dea á manivela para que todo xire, presumimos coma un contable de aldea de contas que cadran. Non sei para que queremos tanta contabilidade se nos teñen entretidos co imposto sobre o patrimonio: os dous grandes partidos en nada se esforzan tanto como en demostrar que poden ser un coma o outro.

Te puede interesar