Opinión

CADA DÍA ESTOU MELLOR

Ohistoriador Eric Hobsbawn fai referencia no seu libro: Historia do século XX , á frase de autoxestión optimista que o psicólogo Emile Coué popularizou na década dos anos vinte do século pasado e que dá título a este artigo. Porén, Hobsbawn relata que, cando se produce o afundimento que leva á Gran Depresión de 1929, 'os bancos, afectados xa pola euforia inmobiliaria especulativa que, coa contribución habitual dos optimistas ilusos e da lexión de negociantes sen escrúpulos alcanzaran o seu cénit algúns anos antes do crac, e importunados polas débedas incobrables, negáronse a conceder novos créditos e a refinancia-los existentes'.


Mágoa que con tanta información dispoñible ao día de hoxe os nosos políticos, banqueiros e empresarios non tivesen tempo para percorre-la nosa historia recente e comprobar onde nos leva o neoliberalismo, a desregulación, a falta de rigor e a debilidade das institucións do Estado.


É un erro aceptar que o sinónimo do bo xestionar sexa a privatización. Enganar ao cidadán non nos levará a ningures porque as mentiras teñen as patiñas moi curtas. Necesitamos partidos políticos, institucións, universidades e empresarios que digan a verdade. Que digan que non pode existir un bo mercado sen un bo Estado para que os recursos, públicos ou privados, se asignen de xeito eficiente e para que a riqueza xerada se distribúa de forma eficiente e equitativa.


Lamentablemente, o cidadán de a pé, preso do medo, da inseguridade e, moitas veces, do sufrimento, o único que percibe dos que pretenden darnos receitas de austeridade é que cada día eles están mellor en todos os sentidos.

Te puede interesar