Opinión

Chegar a un acordo

Todo ser humano ten dereito a se gaña-lo sustento e a contribuír solidariamente ao benestar da sociedade na que vive e ese dereito ao traballo, recoñecido en todos os documentos internacionais e as constitucións locais, ten o dobre valor de garanti-la liberdade económica e contribuír ao proxecto humano; por o que, dende calquera traballo sentímonos útiles aos demais e deberíamos acadar unha xusta independencia económica que nos puxera a salvo da explotación. Lamentablemente, os índices de paro en numerosos países desminte o cumprimento das normas esenciais de convivencia e en Europa supón o triunfo da explotación sobre a convivencia solidaria e crean unha situación de inxustiza que podería estourar en calquera momento.

Non vou a estenderme sobre as razóns éticas, morais e incluso relixiosas que avalarían unha política de pleno emprego fronte á consideración prioritaria do incremento dos beneficios duns poucos. Antes, á contra, o obxectivo destas liñas é demostra-la inherente parvada de permitir unhas elevadas taxas de paro na nosa sociedade, incluso para os que só ven a macroeconomía. O turismo, a tendencia dos españois a adquiriren a súa propia vivenda e o consumo, foron os puntais tradicionais da economía deste país. A crise inmobiliaria comezou destruíndo o acceso á propiedade da vivenda da clase obreira e dunha gran parte das clases medias; co que se apagou un dos motores da nosa sociedade por avaricia, simple e puro desexo de obter beneficios que se creran ilimitados no menor tempo. O paro xerado polo apagón urbanístico habería de ser aínda peor, posto que mal pode consumir quen perdeu o seu traballo ou o que corre o risco de perdelo; por o que estamos a asistirmos á caída permanente do consumo e isto crea un círculo vicioso de paro-empobrecemento e paro que, se retroalimenta constantemente. A solución de crear miniempregos a tempo parcial e baixa-los salarios, se permite que se manteña a dignidade mínima dos asalariados, está lonxe de fomenta-lo consumo e así non se atalla a destrución de emprego nin se reactiva o consumo. Por a contra, unha política imaxinativa, quen de crear unha oferta pública de emprego fronte ás política de subsidio, a esixencia á banca para que mobilice os activos postos nas súas mans a través de actuacións non sempre claras dos nosos gobernantes e unha acción dos sindicatos que esixa o cumprimento de horarios e tarifas salariais, son actuacións urxentes se queremos voltar ao Estado de benestar, aínda que, probablemente, no curto prazo se deban limita-los inxentes beneficios das grandes corporacións. Non facer isto, tan só nos levará a aumentar beneficios puntualmente, pero a crear un estado social de crispación e un clima irrespirable nas nosas cidades que rematará supoñéndonos maiores custes que a xusta distribución de cargas e compensacións. Chegar a un acordo. Oxalá.

Te puede interesar