Opinión

CORRUPCIÓN

Cóstame crer que só sexan corruptos os trescentos políticos imputados por diversos delitos ante os tribunais de xustiza, xa que estou convencido de que a cifra debe ser varias veces superior.


En primeiro lugar, por esa especie de impunidade herdada dende aqueles ominosos tempos do franquismo. Resulta que a autoridade é a autoridade, e para imputar ás súas señorías hai que telos ben postos. Historicamente, ademais, a nosa xustiza estivo pringada en toda clase de corruptelas, encubertas noutros tempos polo delito de desacato, aplicable a quen osase criticar a un xuíz.


Agora, en todo caso, pervive unha xudicatura ineficiente, sen medios e dunha lentidude indecorosa. Asi explícase, por exemplo, que o político castellonense Carlos Fabra leve 'nove anos' imputado de varios delitos sen ser xulgado. Se o home resulta inocente, semellante dilación é unha crueldade, e se é culpable supón unha hiriente burla da xustiza.


Outro síntoma preocupante é a impunidade dos centenares de conselleiros que nestes últimos vinte anos saquearon a diestro e siniestro as caixas de aforros. Salvo Rodrigo Rato, José Luis Olivas e poucos máis, non se levaron a xuizo, aínda que se sabía que a maioría deles chegaron ao cargo cunha man diante e outra detrás, e saíron tan forrados coma un príncipe saudí.


O peor, porén, é que os partidos políticos, sen excepción, instauraron o finanzamento ilegal das súas arcas, sobre as que correron ese ominoso velo do 'hoxe por ti, mañá por min'. Por elo, ata que non haxa un finanzamento dos partidos correcto, transparente e baixo control, a corrupción non será a excepción, senón a norma na nosa degradada vida política.

Te puede interesar