Opinión

CORRUPTOS INSIGNES

Hai un corrupto apaixonante. O que é culto, intelixente, o que ten unha aparencia moi honorable, o que bica aos nenos e aperta aos anciáns, o que acude á ópera ou ao teatro cheo de interese, o que está apuntado a diversas ONG ás que axuda moi sincera e xenerosamente. Pero tamén o que, á vez, rouba ou deixa catro millóns, por exemplo, a deber (que ven sendo o mesmo). É un personaxe literario de boa pinta. Non estamos a falar do patán do medio rural que entrou na política para cobrar comisións ilegais, para levarse diñeiro dos construtores corruptores, tantas veces corruptores á forza. Porque sen mordida non hai proxecto nin recalificación nin nada. Ou non a había, que agora todo é vida fúnebre nas concellerías de urbanismo.


O corrupto de elite é moi diferente. Non é un analfabeto, non é un personaxe arrabaldeiro que se gasta en prostíbulos e coches de alta gama parte do diñeiro que subtrae aos seus concidadáns. Demasiado groseiro todo, previsible e ridículo. E sospeitoso a pouco que un observe.


A aristocracia da corrupción é outra cousa. O caso Gürtel ofrece extraordinarios exemplos. De cualificados funcionarios que pediron a excedencia, que abriron logo renomeados bufetes nos mellores barrios de Madrid e que, aparte de ser tan prestixiosos, tan afeccionados aos bos viños, aos bos cadros e as fermosas estadías en Tahití ou en Miami, aparte do todo iso, rouban e lle din a outros como teñen que facelo. Con elegancia. Ao tempo que se degradan nunha espiral de ambición e tranquilizantes. E de cárcere ao fondo, aínda que a cadea acostúmana a eludiren por que teñen grandes avogados que pelexan a absolución no inescrutable reino dos requisitos formais. Tan importantes en España, tan decisivos. E que libraron de iren ao alxube a tantos ladróns. Por unha coma, por un punto e seguido. Por pouco máis.


Outros corruptos de elite dan un perfil máis humanista. Son persoas que len libros de socioloxía, que colaboran en revistas especializadas, que teñen discurso, forza, orixinalidade, talento para a cousa pública. E, ao tempo, énchense os petos con lances de palmaria inmoralidade. Outros corruptos de elite, en fin, son tipos educados, untuosos, saudadores universais, excelentes inversores do seu capital social, xentes realmente encantadoras, pero que se o levan quente a pouco que se lles deixe sós. Iso si, rouban con gran pompa e esplendor, como eses cardeais que o papa Francisco quere enviar á reserva inactiva.


Estamos en tempos de delincuentes insignes, algúns xa se encamiñan aos incómodos bancos xudiciais, outros os esquivan agochando os cartos máis aló das nosas fronteiras. Pero o farán con porte de patricios, como dando a entender que todo é unha confusión. E que non lles consta nada. Nada lles consta, non son conscientes do roubo. É todo unha novela. De terror.

Te puede interesar