Opinión

DO BENESTAR AO 'BENSER'

Donde no hay harina todo es mohína'. O refrán castelán, de aplicación para todos en tempos de tribulación (e neles andamos) nos dá pistas sobre os ánimos que a cidadanía mantén. Negámonos a asumi-la realidade que, dura, nos impón drásticas condicións e recortes xeralizados. Todos procurámolo entender agás os políticos que, por enésima vez e, durante máis de catro anos, constituíronse como terceiro problema do país, tralo desemprego e a situación económica. Recortes para case todos pero non para eles. Nin para a estrutura do Estado controlada ¡cómo non!, por esa casta de privilexiados.


O actual Estado das autonomías é incompatíbel co denominado Estado do Benestar que, segundo a zona xeográfica que toque, é de interpretación diferente e contido variábel. A sanidade, a educación e a vivenda son (din) os tres eixos dese Estado. Algún engade tamén a dependencia como un subxénero dentro da sanidade. Rodolfo Martín Villa (o incombustíbel) que, dende a súa maioría de idade xamáis se baixou dun coche oficial ata incorporarse á empresa pública, debidamente remunerado, sintetizaba o Estado do Benestar co cumprimento das obras de misericordia.


En 1964, a editorial ZYX publicou un libriño co título 'Desarrollo sindicalista' (ao prezo de 20 pts.) que recollía varios artigos de José Luis Rubio Cordón, previamente aparecidos na revista Índice, lugar de encontro das dúas ribeiras que participaran na guerra incivil e que supuso un soplo de aire fresco que se colou no monolitismo do réxime. As seis páxinas que se titularon 'Sindicalismo: sociedad del bien-ser' deberían ser de obrigado estudo e aplicación para todos aqueles (sindicalistas incluídos) que constitúen parte dese tronco que hoxe resulta se-lo terceiro problema para os españois.


Hai que repensar España. Hai que redefini-lo Estado do Benestar e cos vimbios que hoxe temos, debemos da-lo pulo á sociedade do 'benser', da ética e da responsabilidade. Xa está ben de tanta corrupción e despilfarro. Cando a casta política sexa allea a eses conceptos teremos a oportunidade de construirmos algo sólido. E, para escarmento de quen corresponda, sería bo que emerxeran as responsabilidades e se repuxera o dano causado. ¡Caiga quen caiga! A continuación xurdirían, seguro, brotes verdes de esperanza.

Te puede interesar