Opinión

A ENTREVISTA REAL

Entrevistou Jesús Hermida a Juan Carlos I na televisión pública e non apareceron nin Botswana nin Urdangarin, nin palabras como 'saúde' ou 'quirófano', porque era un agasallo de aniversario. Non se mollou o monarca (nin o intentou o entrevistador), aínda que lanzou unha frase filosófica: 'Unha cousa que falta eu creo que é a vertebración do Estado'. Por aí asoma Ortega. A citada vertebración é vista como un asunto pendente dende o matrimonio de Isabel e Fernando, hai 543 anos, e non se acadou en todo este tempo. Nin cos reinos separados dos Austrias, nin co reino único dos Borbones, nin coas repúblicas, nin co franquismo, nin coa presente monarquía constitucional. Ao peor resulta que non pode ser porque é imposible, e tal vez Ortega errou no título do seu ensaio, que no debeu chamarse 'España invertebrada' senón 'España invertebrable'.?Lanzou pois o rei esta frase e tamén unha referencia aos rupturistas e á unidade, e cabe preguntarse se debemos facerlle caso. ¿Dispón o ordenamento que sexa el o noso guía de opinión política? Claro e conciso, non. A Constitución dispón que o rei 'asume a máis alta representación do Estado' e 'arbitra e modera o funcionamento regular das institucións', pero engade que 'os seus actos estarán sempre refrendados' (polos presidentes do goberno ou do Congreso, ou por un ministro, segundo do que se trate) 'carecendo de validez sen o devandito refrendo'. Non me consta que o BOE publicara ningún decreto refrendando as respostas do rei ás preguntas de Hermida. Polo tanto, non teñen validez oficial. Son as opinións dun particular, a quen cadaquén outorgará o predicamento que máis lle plazca. Pero non dun particular calquera, claro está, senón dun moi especial. E non só dende o punto de vista legal. Que non é como os demais se demostrou nun aspecto formal da conversación, mentres o rei pasouse todo o tempo tuteando a Hermida, este tratouno sempre de vostede, de 'señor' e de 'vosa maxestade'. Simples usos e costumes cortesáns, naturalmente, pero entón non me queda claro se a entrevista pertencía á sección política ou a do corazón.

Te puede interesar