Opinión

ESPAÑA CON CARNÉ DE SEGUNDA

Por paradoxal que isto resulte no país de Fernando Alonso e Jorge Lorenzo, España será un condutor de segunda dentro da nova Europa da dúas velocidades que a nosa canciller Angela Merkel deseñou. A crise puso moi caro o carné de primeira, que só estará xa ao alcance dos poucos socios ricos da UE coa necesaria solvencia para pagárselo.


Veñen tempos duros para os europeos da segunda velocidade na que inevitablemente vai militar España. Non só haberá que ceñirse ?sen máis- o cinto de seguridade, senón que a gasolina costará moito máis que aos felices pilotos da primeira clase. Nesta desigual carreira, os condutores de clase 'A', como Alemaña ou Francia, circularán confortablemente pola autoestrada do euro grazas a que o combustíbel do diñeiro lles sae a bo prezo. Baste dicir que o importe dos intereses que paga o bono alemán é seis ou sete veces menor que o de Italia e España, por poñer dous exemplos que realmente nos caen próximos. Obrigados a apretarse por igual o cinto os países ricos e os entrampados por os seus pufos, moito é de temer que estes últimos ?como España, un suponer- acaben traballando só para pagaren os intereses da súa cuantiosa débeda. O lóxico nesas circunstancias é que sufran un proceso de empobrecemento progresivo a medida que os axustes e recortes vaian aminorando o consumo e, por tanto, a produción e o emprego. Os casos de Grecia e Portugal son un referente máis ben sombrío do que lles espera aos demais membros da periferia da UE cando a Europa das dúas velocidades os relegue a estradas secundarias.


A tentación fácil é botarlle a culpa ao dúo Merkozy que, como é lóxico, goberna o continente en función dos seus intereses; pero resultaría un tanto absurdo queixarse de que Alemaña ou Francia souberan acometer, cando tocaba, a posta a punto do seu motor económico. Algo fariamos mal os demais para non dispoñer dunha máquina robusta e fiábel como a súa. No fondo, o de España foi tamén un problema de orde automobilística. Cando ninguén podía intuir sequera que a creación dunha Europa a dúas distintas velocidades nos desterraría ao pelotón dos torpes, o goberno de Zapatero ufanábase de disputa-la Champions League aos grandes países do continente. España ía como unha moto, ata o punto de que non só adiantara a Italia, senón que pronto faría o propio con Francia antes de acadar a Alemaña de contado.


Afirmacións tan asombrosas como estas as facía o aínda primeiro ministro español hai apenas catro anos, aínda que agora coste crelo. Cando os parados comezaron a caer por millóns, o goberno corrixiu un tanto o seu optimismo, pero non as súas metáforas. A crise que non existía pasou a ser entón unha leve 'desaceleración' e logo unha 'desaceleración acelerada', segundo o feliz se ben algo contraditorio descubrimento expresivo de Pedro Solbes, que á sazón exercía de condutor da carreira de Economía. Despois diso aínda se falaría de 'crecemento negativo'-que é tanto como dicir que chove cara arriba- e de 'reaxuste de previsión á baixa', entre outros conceptos cos que o goberno demostrou a súa notábel creatividade lingüística. Todo antes que recoñece-la existencia da crise e adopta-las medidas que xa por aquel entón Alemaña viña acometendo dende varios anos atrás. Cando Zapatero decidiu renderse por fin á evidencia en data tan tardía como o pasado ano, a catástrofe tiña xa un moi difícil amaño.


Non parece que ese amaño vaia a facilítalo a moi probábel división da UE nun clube de dúas velocidades que máis ben afondará o foso entre os condutores que revisaron o seu motor a tempo e os que non. O único seguro é que haberá que apretarse o cinto, pero nin aínda así hai garantías de que España se libre dunha boa labazada. As estradas de segunda teñen moito perigo.

Te puede interesar