Opinión

O ESPÍRITO DE 15-M

Dende o sorprendente éxito da manifestación do 15 de maio (15-M), convocada dende algúns sitios de internet, entre eles “Democracia real, xa” e “Non lles votes”, o movimento foi medrando coma unha bola de neve que púxose a rodar e vaise engrosando cada día, incorporando máis neve e broza, comentarios nos medios e novos textos contra a dependencia dos mercados.

A crítica máis difundida a eses movimentos dos indignados e ás asambleas nas prazas públicas foi que “son mozos que non saben precisar o que queren”, o que lles rebaixa a protesta pacífica e festiva de xente nova atropelada pola crise e o paro. Unha crítica inxusta, porque o que queren estivo ben explícito en todo momento e non son rapazalladas, senón propostas, máis ou menos dispersas, de sociólogos e economistas (véxase, por exemplo, o “Manifesto de economistas aterrados”).

Os que convocaron a primeira manifestación estaban a pediren rigor contra a corrupción, máis representatividade dos nosos parlamentarios e participación cidadá. Nas segundas, o 19 de xuño, contra o pacto do euro, recuperación da soberanía do poder político sobre o económico na UE, que a crise non a teñan que pagar os pobres ou empobrecidos, control da banca e unha fiscalidade progresiva na que aporte máis os que máis teñen. En ámbalas dúas, xuventude e parados clamaban por un emprego digno. Certamente, como xa dixo alguén, “iso querémolo todos”. A verdade é que tal ideario non é de esquerdas nin de dereitas e ben o podería asumir calquera partido democrático. E entón, ¿por qué non se está a aplicar xa?

Se nos fixamos ben, o groso destas demandas non require senón a aplicación das leis que xa temos e a actividade das institucións e os controles xa regulados. Relaxámonos e estamos a soportar que os corruptos, se non encausados, se lles defendan mellor que a acusados e resulten absoltos ou os seus delitos precriban, o que fomenta máis corrupción; que as grandes consultoras constrúan sistemas de optimización fiscal que supoñan a elusión ou a repercusión nos pobres dos impostos que teñan que pagaren os ricos, ou castelos no aire de activos financeiros fiticios ou incluso fraudulentos que xeren a acumulación de riqueza nuns poucos e o empobrecemento do Estado e do resto dos cidadáns collidos na trampa, mentres os organismos encargados da regulación sestean ou non se enteran. A Europa dos mercados e do euro, que cubre coa mesma camisa de forza a liberais e a conservadores, impón sobre o Estado do benestar e sobre os cidadáns europeos o poder frnanceiro e o imperio dos mercados, e así, a banca, que provocou a crise que estamos a padecermos, tivo axudas asumíbeis para salvarse dos seus avariciosos excesos, mentres que Grecia, que necesitaba menos, tivo que se comprometer a vender patrimonio e a sacrificar aos seus cidadáns.

Hai que pararse a escoitar aos mozos e mozas do 15-M, concretaron o que piden máis dos que pode esixirse aos cidadáns e debémoslles unha reflexión sinceira sobre a sociedade que lles estamos a deixar. O modo e o tempo da acción rexeneradora que se evidencia necesaria é traballo dos nosos gobernantes e parlamentarios. A bola de neve xa está medrando e leva temén , xunto a rebeldía pacífica, un xerme inquietante.

Te puede interesar