Opinión

A FOLGA DA RABENCHA

Aesta folga xeral do 29M non se chega, creo eu, como derradeiro recurso, despois de esgotar todos os medios, ou como solución extrema e inevitábel. É unha convocatoria premeditada, artellada nos miolos dos convocantes e da oposición dende que o PP gañou as eleccións xerais (que non se esqueza, que agora parece que deron un golpe de Estado). Si, é a crónica dunha protesta anunciada, tanto que ata Rajoy a daba por convocada ante un colega europeo. Pero, non só non é a solución, senón que vai afondar máis na ferida dun país que bota sangue polos catro costados.


Unha hemorraxia social á que non se chegou por culpa da nova reforma laboral, contra a que se pretende protestar e á que nin sequera lle dan marxe para funcionar e calibra-la súa efectividade. Estas présas por mobilizar ao persoal feden. As comparacións son odiosas, pero das seis folgas xerais que tivo a democracia, é a primeira que se convoca contra un goberno que non se lle dan nin os cen días de tregua de costume. ¿Que se agocha detrás desta inusitada celeridade? Fernández Toxo e Cándido Méndez confesáronno nunha rolda de prensa: 'A mobilización non é polo fondo (pola reforma) é polas formas'. Rematáramos. Non é porque se destrúen todos os dereitos do traballador, foméntase o despido libre ou se padece unha regresión social sen precedentes, senón porque non os recibiron na Moncloa. ¿E este cabuxo pretende paraliza-lo país? Co 29M imos perder uns millóns de euros; ¿canto é o custe económico dunha folga xeral?


Se fose un activista sindical, non deixaría de loitar contra esta reforma, porque motivos hai de abondo como é obvio, tal e como se espera, no meu papel, pero con outras armas. ¿Cales? Que pensen eles. Pero usar esta folga xeral semella que non resultará doado para ninguén. Nin para a causa sindical. Aínda máis. Sexa cal sexa o seguimento da convocatoria, hai que ser ilusos para pensar que o goberno vai dar marcha atrás. Isto o saben os sindicatos e, ata os chineses. Vaise facer demasiado dano para non acadarmos nada. Senón... ao tempo.

Te puede interesar