Opinión

¿FUNCIONARIO? SI, DE CARREIRA, ¿QUÉ PASA?

Sen ningún tipo de complexo: Somos funcionarios; gañámonos a vida traballando no ámbito dos servizos públicos. E ademais facémolo ben, sabémolo. Digan o que digan os envexosos e os mediocres pseudolíderes políticos. Sábenno: na xustiza, na seguridade do Estado, na inspección tributaria, na docencia, na saúde, nas emerxencias e na imprescindíbel sala de máquinas e loxística da administración. ¿Por qué eliximos traballar na Administración? Moi sinxelo: porque quixemos, puidemos e soubemos. A metodoloxía é por todos coñecida: preparación, traballo, esforzo, disciplina e competencia. ¡Ah! Ademais de superar unha oposición competindo con outros moitos que tamén aspiraban ás escasas prazas que habían. Non eramos nós quen configurabamos o temario nin as retribucións nin o estatus laboral. É bo lembra-lo obvio ante a enxame de apardalados e malintencionados que nos rodean. Aí están os nosos currículos. Na época das vacas gordas, do chalaneo, dos pelotazos, dos ladrillos por doquier, dos audis e todo terreos conxestionando o tráfico e da masiva concentración de veleiros no Atlántico, non existiamos. Eramos invisíbeis. Minusvalorábannos porque a duras penas nos chegaba o salario para paga-la hipoteca.


Co fácil que era aprenderse o mantra: ¿con ou sen IVE?, dicían. 'Ti oito horas currando e eu sen estudos nin oposición teño máis coches ca un scalextric e un apartamento en Sanxenxo', engadían. Mentres os preclaros adalides da estupidez e da mediocridade, é dicir, os catrocentos cincuenta mil especímenes que mamonean da res pública 'colocaban' e 'enchufaban' á súa rede clientelar nas empresas públicas e nas diversas administracións pola porta falsa saltándose a norma e o método legal que regulaba o magnífico traballo de ser 'servidor público'. É para quitarse o sombreiro: mentres facían estas cacicadas, tiñan tempo de malgastaren, dilapidaren e de autocorrompérense e, ao mesmo tempo, autodotábanse dunha serie de pesebres con máis kits ca un coche coreano. Enxeñería social: crearon medio millón de oligarcas elitistas (ríete do feudalismo medieval) cun chip eterno de ADN azul (agora o sangue azul cotízase á baixa). O seu reino non é deste mundo. Son cidadáns escollidos con dous elementos esenciais: son moi empáticos, de aí: o 'que se fodan' e son egocéntricos.


Crense que son próceres e que a súa estatua debe presidi-la sede da organización na que traballan ou dirixen. Hai dúas etapas nesta egocentrite: a primeira é a importantite/embiguite (eu, meu, min, comigo), a segunda a inmortalite e a etapa final é a estatua olímpica. É imposíbel fuxir deles. Téñennos rodeados. Establecen as regras do xogo e obrígannos a xogalo. Se a moeda sae cara gañan eles e, se sae cruz, perdemos nós. Teñen, no lugar do corazón, o seu propio embigo. A casta política puso en circulación un guión obsceno e estigmatizante: os funcionarios son os apestados, son o lastre que explica a caída do PIB, o risco da prima e a caída do Imperio Romano. That is the problem. Hai que xibarizalos. Sinálannos e hipervisibilízannos civicamente con argumentos que incendian a envexa daqueles que agora, por o seu desustanciamento pretérito as pasan canutas. É dicir, igual ca nós. Convértennos en chivos expiatorios, desvían a atención da súa incompetencia e ademais conservan as súas prebendas e privilexios. Solidarios si pero non nos deixemos manipular. Somos máis, mellor preparados e a sociedade precísanos. Optamos: mellor envexados e odiados que dar pena. Non nos autocompadeceremos nin nos autoflaxelaremos. Nós nin atentamos contra o World Trade Center nin matamos a Paquirri. Buscáronnos e atopáronnos. Tentaron dividirnos por catro cadelas e andan a piques de acadaren o seu obxectivo. Se algo nos sobra é a dignidade e autoestima e non todo o mundo pode dicir o mesmo. Por iso cando se dirixen a min e preguntan cun sorriso irónico: ¿Funcionario? Lles resposto: Si, de carreira e a moita honra, ¿qué pasa? E a quen lle moleste, lembrarlle ese dito castelán de: 'Ajo y agua ?'

Te puede interesar