Opinión

Humildade

Cada época do ano regresa marcada pola súa propia cadencia. Ritmo que ao tempo que semella repetirse tamén advén sempre novo. Entre estes detalles atopámonos ao espertar da flor que viste o inverno. O branco e o rosa, a xeito de pequenos copos, adiantan unha esperanzada primavera exterior e interior. A coraxe fráxil e humilde da amendoeira que desafía co que sinxelamente é ata o frío destas datas.

Non se comparan, tampouco pretenden destacar nin ofrecer nada que non son e, como sucede en tantas ocasións  coa natureza, convértense nunha fermosa ensinanza para a ollada do ser humano maduro e lúcido que repara niso. ¡Canta humildade debemos practicar! Quizais en pequenas doses, quizais deba ser unha receita que prescribirnos cada oito horas, pero faise de todo urxente co obxecto de que poidamos evitar saltar por riba da realidade na que vivimos e sobre a que, ademais e falazmente, pretendemos te-la “verdade”. Porén, dita verdade só se acada a perspectiva dende a que miremos a vida, non podemos xogar coa sensibilidade que nos fai a todos vulnerables.

Te puede interesar