Opinión

A invisibilidade

Neste país, por regra xeral, somos contrarios a explora-lo idealismo como unha potencia da sociedade e acostumamos obvia-las utopías como máquinas de produción de resultados reais. Quizais por elo, cando aló polos setenta, en plena crise do petróleo, en España mercabamos coches a prazos para irmos aos areais cheos de suecas, en Copenhague xa se realizaba a peonalización do centro da cidade e, en toda Dinamarca implantábanse políticas medioambientais para diminuír as emisións de CO2, desenvolvendo unha nova forma de transporte urbano: a bicicleta, que hoxe usan os dinamarqueses de xeito maioritario para os seus desprazamentos urbanos. Hai unha multiplicidade de razóns, debe de habelas, para que un país leve máis de trinta anos inmerso nesta revolución verde apoiada co acordo absoluto de todos os partidos políticos. Ten que ser que o cren… pero ademais, crense que hai asuntos que están por riba dos intereses particulares.


Teñamos en conta que en Dinamarca ningún grupo parlamentario obtivo a maioría absoluta dende 1909, polo que non tiveron máis remedio que chegaren a pactos e acordos para gobernaren. Con este escenario ¿imaxinan unha cidade dinamarquesa  onde o tráfico de vehículos quedara constrinxido nas avenidas do centro mentres as vías dun tranvía sen uso serviran como zona de estacionamento permanente da cidade? Eu non. Pero o peor é que por aquí remataremos por normalizar ese esperpento e sentirémonos cómodos coa presenza pantasma do tranvía abandonado. Niso consiste a invisibilidade, en acostumarnos ao costume. Coido que chegou o momento de abrir os ollos ao entendemento e sermos xenerosos co lugar que nos acolle; de rachar etiquetas, de non ser contaminantes connosco mesmo, coas cidades, coas ideas, coa vida, antes de que o tempo nos esnaquice en cachos.

Te puede interesar