Opinión

A LINGUAXE POLÍTICA

Os nosos políticos, cando se lles acaban os recursos, que acontece en moitas ocasións, fan da linguaxe unha especie de arma arroxadiza que di moi pouco ao seu favor. Agora, a voltas coa crise, as cousas agudízanse e para xustificar esta medida ou aqueloutra, afloran locucións que demostran as súas carencias. Imos acadar este obxectivo, 'si ou si' din. Non sei se a primeira vez que se dixo esta frase tivo algunha graza, pero agora, mil veces repetida, resulta bastante burda e indica unha alarmante falta de recursos, non só gramaticais senón tamén políticos. É parecida a aquela de presentar tres puntos fundamentais para a recuperación: 'o primeiro o déficit, o segundo o déficit e o terceiro, o déficit'. Déixanos aparvados pois esperamos tres propostas pero nos escatiman dúas e queren enche-lo terceto para que non pareza que pensan pouco. Tamén repiten o de imos a acadalo 'sexa como sexa' Mal principio, sexa como sexa non é un método, é unha ameaza. Hai límites legais e sociais, hai siso, hai dereitos que non se poden vulnerar. Sexa como sexa indica unha inaceptábel falta de respecto por todo o demais.


E que me din daquilo de 'non nos tremerá o pulso' á hora de tomar medidas. É unha frase chea de autoridade mal entendida, de prepotencia, de falta de sensibilidade, incluso machista, do tipo 'os homes non choran', ou non dubidan, que sería neste caso. Non teñan medo, queridos políticos, dubidar é humano. E se se trata de medidas que nos van molestar aos demais, resulta especialmente molesto que nin sequera dubiden, Asi, sen dubidar, sen tremarlles o pulso, deixaron fóra dos recortes á Igrexa católica, non mencionan o Senado e as deputacións, escaqueáronse mantendo o seu papel anacrónico e de beneficencia. Ao mellor, con algunha dúbida de por medio e co pulso tremeroso, estarían máis atinados. Se as cousas son 'si ou si' irremediablemente, se 'non lles trema o pulso' á hora de darnos labazadas e as cousas arránxanse 'sexa como sexa', estamos fritidos e parece que prima o monoteísmo financeiro e a dirección única obrigatoria, aínda que vaia directa ao precipicio, pero iso si, sen dubidar. Mellor ser respectuoso coa linguaxe, coas formas e cos contidos. Mellor explicar as cousas e deixarse de dogmas uniformados. Mellor tomar en consideración de verdade á cidadanía e á intelixencia, que non nos tomen por parvos.


Non somos máquinas tragaconsignas que nos cremos todas as apostilas, E se seguen tratándonos asi, chegará un momento no que non cansemos da palabrería baleira e decidamos que con quen non hai que contar é con ese poder que se empecina en ignorar que existimos, que pensamos e que temos aínda rebeldía por dentro.

Te puede interesar