Opinión

MENSAXEIROS DO CAOS

Un, que non entende nada de economía, comeza a sospeitar que iso das axencias de cualificación de riscos é un mecanismo de profecía autocomprida, pero só para os anuncios de catástrofes. A ver se me explico:


Se todo o mundo cré ás axencias, bastará con que dean mala nota a un investimento para que todo o mundo se asuste e ninguén o subscriba. Para que alguén poña diñeiro terá que ofrecer uns intereses importantes, que logo non poderá pagar e fundirase. Co que se confirmará o atino da cualificación negativa. Profecía autocumprida.


É como se alguén influínte vai pola praza de abastos dicindo que fulano non vai vender nada porque se lle vai estropea-la mercadoría; ante tal profecía, ninguén lle comprará e a mercadoría estropearáselle, co que o agoreiro incrementará o seu prestixio. As predicións negativas son as únicas que provocan o seu propio cumprimento. As positivas, pola contra, dependen para cumprírense da calidade intrínseca do investimento. Por moi boas cualificacións que lle dean as axencias, un investimento invisíbel vai arruinar aos seus inversores. Lembremos que as axencias deron a máxima cualificación aos produtos financeiros sustentados en hipotecas lixo. Cando estas fixeron honra ao seu nome, todo o edificio fundíuse coma un castelo de naipes e marcou o inicio da crise. Marabíllame que, tras iso, continúense dando páxinas e creto as descualificadas axencias.


Lin nalgunha parte que os produtos financeiros 'estruturados' (é dicir, indescifrábeis) baseados nas hipotecas lixo, sacaban boa nota porque apoiábanse parcialmente en investimentos garantidos. Pero agora pódese ler que a axencia S&P di que cualificará os discutidos eurobonos coa mesma nota que o peor dos seus partícipes, Grecia, aínda que tamén os apoiará Alemaña. Ou sexa, que os fundirían. Quizáis o mero anuncio abonde para abortalos. Tal vez sexa hora de que un sindicato de damnificados se dedique a rastrexa-los erros das axencias e os divulgue para fundir a súa reputación, pero parece que todos lles teñen medo. Pero o medo causa parálise, e se nos quedamos paralizados non sairemos desta. Logo crémonos que os estados son soberanos, e incluso pelexámonos pola reforma da Constitución.

Te puede interesar