Opinión

PENSIÓNS

Para o diccionario da Real Academia da Língua, o termo pensión ten que ver coa recepción dunha cantidade periódica á que se ten dereito por cotizar durante certo tempo. Tal como se están a poñe-las cousas é posible que se deba suxerir un cambio de significado. A reforma que está a propoñe-lo goberno sitúa o horizonte do cobro de pensións nunha especie de misión imposible ou Ítaca inalcanzable para toda unha cohorte xeracional que tivo a pouca fortuna de estrea-la súa idade laboral cunha situación de desemprego xuvenil que lles impide traballar, se non a todos, alomenos á metade da xuventude actual. Polo tanto, o panorama previsible aseméllase a unha carreira de fondo cun punto de partida complicado no que se endurecen as condicións para ser beneficiario e á vez se complica a pertenza ao clube dos cotizantes.


O recorte en dereitos é tran brutal e pon as metas tan elevadas que imposibilita acadar aqueles beneficios por os que se estivo cotizando. Sería moi triste reproduci-lo panorama que hoxe en día vívese en países menos desenvolvidos có noso, nos que non é extraño atopar taxistas, camareiros ou persoal de limpeza con idades que están preto dos 80 anos e que apenas poden coa súa alma pero que necesitan seguir cotizando para acadaren tan vano afán como é o de morrer como pensionistas. Este lamentable panorama é o que se proxecta no noso país no último tercio de século se as reformas anunciadas se consolidan. Incrementa-los anos de xubilación coa situación de paro actual é, sinxelamente, unha canallada dirixida contra toda unha xeración á que se condena á precariedade absoluta. E se ademais preténdese disfrazar semellantes prácticas con aspectos relacionados co envellecemento competente se está a facer un uso perverso dunha terminoloxía que non ten nada que ver coas consecuencias dunha reforma imposta e non pactada entre as grandes forzas políticas e os axentes sociais.

Te puede interesar