Opinión

QUEN SEMENTA VENTOS...

Hai un dito que reza: 'Cando gaño veñan bolos e cando perdo é que me rouban'. Este é o caso dese ilustre personaxe clamado Esteban González Pons que, xunto con Carlos Floriano, nos dan a diario leccións sobre o que hai que facer para poder comer todos os días. O 12 de febreiro de 2011, os medios de comunicación daban conta da chamada de González Pons á revolta popular contra o goberno de Rodríguez Zapatero e, poñendo como exemplo aos cidadáns exipcios que se lanzaran á rúa para derruba-lo réxime de Hosni Mubarak, dende Valencia dicía o seguinte: 'Españois e españolas, valencianos e valencianas, cidadáns fartos do paro e da crise económica, da crise de valores e da crise social, da crise política e da depresión institucional ¿víchedes a Exipto? O pobo cando quer pode e o pobo español quer'. Evidentemente era unha chamada para que os españois se lanzaran á rúa para 'derrubar' ao entón presidente José Luis Rodríguez Zapatero.


Agora que Mariano Rajoy acadou aumenta-lo paro, aumenta-los impostos, aumenta-la recesión, aumenta-lo paro xuvenil e aumenta-la débeda pública, agora cando a xente está máis cabreada que nunca e facendo caso do que González Pons dixera no seu día, lanzáronse á rúa para protestaren por unha situación insostible e dedicáronse a gritar aos dirixentes do PP e do goberno, xa sexa cando estes van pola rúa ou indo á porta da súas vivendas, entre eles á de González Pons, a amosaren a súa disconformidade, agora resulta que isto é propio de exaltados e que non hai dereito a que o fagan, vamos, que non teñen dereito a protestaren. Creo que están no seu dereito e desexo que a cousa non vaia a máis como puidemos ver en Exipto que é o que D. Esteban aconsellaba facer aos españois. 'Quen sementa ventos recolle tempestades'. Pero non é somente González Pons quen promove estas tempestades. Agora resulta que a delegada do goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, calificou como 'proetarras' á Plataforma de Afectados pola Hipoteca y di que en ocasións esta plataforma apoiou a Bildu, a Sortu e a eses grupos que ao seu xeito de ver teñen moito que ver co entorno de ETA. Citando expresamente á voceira desta plataforma, Ada Colau, e acusando a este grupo de levar a cabo 'unha estratexia política radical'. En moitas ocasións e a través dos meus distintos comentarios dixen que en España, se segue a goberna-la dereita, acabará por haber presos políticos nos cárceres e a cousa leva camiño delo. Hai uns días, nun deses comentarios, dicía que se estaba intentando mete-lo medo no corpo á xente da mesma forma en que o facían os nazis e os bolcheviques, estes dicían aos seus opoñentes: 'Sabemos quen es. A túa actitude non pasou inadvertida'.


É un feito repetido e que dende o PP se utilizara o calificativo de 'antisistema' con todos aqueles que se manifestaron na rúa protestando, con razón, por unha situación insoportable. Para algúns gobernos, e este é, na miña opinión, o caso do actual goberno de España, o mellor método para rematar coas protestas dos cidadáns é asustalos con subliminais mensaxes de 'coidado, es un subversivo e podes acabar na cadea'. Todos sabemos cómo comezan estas cousas, aplicando o medo e o terror como medida de persuasión, pero todos sabemos tamén como acaban a non ser que algúns pensen perpetuárense no poder moito máis tempo que o ditador que padeceu este país durante corenta longos anos. As tentacións son moi difíciles de evitar e na dereita aínda quedan moitos nostálxicos.


Esteban González Pons incitou aos españois a 'amotinárense' e a delegada do goberno na comunidade madrileña chama 'proetarras' a quen se opoñen a unha lei, a hipotecaria, que está a deixar a moita xente na rúa e ademais coa obriga de seguir pagando a súa débeda co banco. E todo elo co consentimento de Mariano Rajoy que non ten autoridade para chamar á súa xente á orde, a non ser que o que a súa xente fai é seguir as súas instrucións, que todo pode ser, aínda que creo que o que impera nel e o laxo . O malo, coido, está aínda por vir. Xa veremos que pasa cando esa maioría 'sensata', segundo Rajoy, que non saiu ata agora á rúa o faga, que sen dúbida o fará.

Te puede interesar