Opinión

RECORTES

Écurioso isto da crise. Sempre a paga, a amortiza, a sufre, quen non a produce. Con esa tendencia que temos a xeralizar para dilui-las responsabilidades nunha morea de situacións, de palabras incompresíbeis, que evitan identificar a este ou aquel. Non serei eu o que dende a miña ignorancia dictamine ningun camiño, coa de sabios que temos. Só subliño que paga a crise o máis débil, o que está ao final desa corda que axita unha man invisíbel, se é que se poden conxuga-las dúas cousas, e así, sen apenas mover un extremo da corda, o outro vai dunha banda a outra, sen control aparente. É cando un rumor, un simple rumor, pode escangallar a fortaleza máis aparente.


O peor é que agora que sube de tono a alarma, son vítimas tamén os principios básicos da nosa sociedade. Primeiro foi a vivenda que, a fume de carozo, pasou de dereito fundamental a produto financiero codiciado, xerando a tan cacarexada burbulla inmobiliaria. E agora son a sanidade e a educación as que sufren recortes como se fosen un cacho de queixo, aínda que todo o mundo sabe que non son eses servizos os que colapsaron o tingrlado. A causa dos nosos líos non é que hai demasiados colexios, profesores ou alumnos, non é iso, nin que os médicos dediquen demasiado tempo a cada enfermo. Tendo listas de espera cirúrxica e un índice de fracaso escolar alarmante, ¿cómo tratamos de arranxa-la crise dando dentelladas a eses servizos?


Pero os mercados encirran ao persoal e gaban os dardos ao corazón da nosa convivencia. Non podemos enganarnos. Ter sanidade ao alcance de todos, asistencia aos maiores, educación aos rapaces ou formación axeitada aos mozos, non é un luxo prescindíbel. Pódese xestionar mellor, sen dúbida, pero non é un luxo. Os luxos e os priviliexios están noutro cesto. O exemplo témolo, por exemplo, en Castellón, onde o director dun aeroporto inútil e que ten débedas millonarias antes de funcionar, cobra máis que o presidente do Goberno; mentres, e sen pestanexar sequera, vendennos a urxencia dos recortes.


E é que non hai nada peor que deixa-las tesoiras precisamente nas máns dos que disfrutan dos privilexios.

Te puede interesar