Opinión

A RENDA BÁSICA

Poderoso cabaleiro é don diñeiro'. Esta vella frase cobra sentido nesta época de crise. Ricos e pobres, novos e vellos están preocupados por se teñen ou non bastantes cartos. Bastante para sobreviviren ou bastante para seguiren mantendo un nivel de vida ao que se acostumaran e no que se acomodaron con certa confortabilidade. Pero quen peor o pasan son os que perderon o seu traballo e teñen que poñer mil ollos, sopesar como gasta-los poucos euros de que dispoñen. Nunca a visita á praza de abastos foi máis reflexiva. Míranse prezos, calcúlanse cantidades, regatéase se é posible e todos dispostos a sacarlle o mellor partido aos seus haberes. As mulleres de certa idade son particularmente coidadosas. Cando non lles dá para compra-lo que desexan, o substitúen por outra parecida máis barata. Estamos na época do aforro, non do dispendio e 'poderoso cabaleiro' segue a se-lo diñeiro.


Os xubilados tememos que nos conxelen a pensión ou incluso que nola baixen e en España xa hai signos de mal augurio porque as cotizacións dos traballadores xa non alcanzan para paga-las pensións e hai que botar man do fondo de reserva do sistema. A metade dos parados non reciben axudas e teñen que sobreviviren coa axuda de familiares.


Un vento está a percorrer España, o da desilusión, a desesperanza. Nunca foi o diñeiro obxecto da atención preferente dos españois e non porque sexan materialistas senón porque a necesidade lles golpea. A obsesión é pensar no diñeiro e elo alonxa as outras preocupacións ou proxectos. Fanse necesarias estratexias alternativas. A máis práctica, a renda básica. Un apoio mínimo do Estado a todos os cidadáns para que non sexa o mercado quen lles goberne.

Te puede interesar