Opinión

SALARIOS E PRODUTIVIDADE

Aprodutividade é un termo de moda, tanto a nivel económico como científico, e todos sen excepción reclaman para si o mérito dunha excelencia na produtividade e lamentan a escasa produtividade dos outros. Porén, con moita facilidade esquécese que a produtividade é un cociente entre o que se produce e os medios que se empregan para tal fin, e por iso reivindico que cando se argumente que os traballadores deste ou doutro sector teñen unha baixa produtividade se contabilicen os seus salarios ou o seu financiamento; porque non sería de extrañar que uns soldos de miseria ou un financiamento raquítico fosen unha probábel causa dun baixo rendemento. Pola contra, cada vez que escoito a alguén alardear do seu excelente currículo e do enorme número de publicacións que realizou éntranme desexos de indagar nas súas fontes de financiamento e ás veces puiden constatar que a aparente excelencia de algún grupo hai que buscala máis no seu abultado financiamento que na orixinalidade das súas propostas ou no esforzo dos integrantes do grupo de investigación.


Unha correcta avaliación da produtividade é inseparábel dun control da actividade profesional por obxectivos. Non é que pense que o tempo non sexa unha medida correcta das actividades humanas; de feito actividades de control de acceso a instalacións, supervisión de máquinas ou vixilancias en xeral teñen por obxectivo garanti-lo servizo ao longo dun período de tempo. Pero coincidirán comigo que o tempo de estadía, real ou virtual, nun posto de traballo de nada serve para garantir que se cumpran outras tarefas de forma axeitada. Ademais, o control da produtividade por obxectivos, de facerse correctamente, serviría para que os traballadores puideran dispoñer dunha maior cantidade dese ben tan preciado, e ás veces escaso, como é o tempo libre.


Así as cousas, propoño que antes de discriminar positiva ou negativamente a ninguén por razóns de produtividade, se contabilicen tanto as contribucións e logros acadados como o grao de financiamento co que se contou e valga o anterior para suxeri-lo establecemento duns salarios xustos como requisito indispensábel e a busca de formas de financiamento que aseguren uns mínimos para garanti-la oportunidade de desenvolver unha investigación de calidade. De xeito que ademais de manter e potenciar convocatorias para proxectos de excelencia se asegure a cada investigado, que mantivese un nivel razonábel de actividade, os mínimos indispensábeis para continua-la súa tarefa, pois dicía Picasso que creía nas musas pero que confiaba en que estas o atoparan traballando. Do mesmo xeito, dificilmente os nosos profesores universitarios e investigadores poderán desenvolver aportacións de calidade se non dispoñen duns mínimos de financiamento que lles permita traballar.

Te puede interesar