Opinión

O SILENCIO DO PP

Osilencio lévase. Despois do éxito de 'The artist' de Hazanavicius, ou 'Brancaneves' de Berger, o Partido Popular protagoniza un portentoso guión mudo. Dende o 25 de febreiro non responden a preguntas. Son moitos días a escurri-lo bulto con determinación e silencio. Esa marca do PP tal vez estableza un récord pero dende logo marca un estilo. Dende que Mª Dolores de Cospedal probou sorte e non soubo defini-la situación de Bárcenas no partido, parecen que chegaron á conclusión de que a mellor estratexia é calar. E aínda que o silencio pode ser moi ruidoso, como dicía Miles Davis; en definitiva, ¿cal é a mellor forma de non ter que responder ante os cidadáns? Simplemente non responder. É dunha lóxica elemental, pouco democrática pero elemental.


En Génova interiorizaron a idea de que 'todo o que digan poderá ser utilizado en contra súa'. É algo que se aprende dende neno pegados ao televisor. Así que dende hai semanas non responden a ninguha dúbida incómoda sobre o finanzamento do partido ou sobre Bárcenas e as súas conexións coa trama Gürtel, amparándose na quinta enmenda de Estados Unidos. Vale, é ridículo, pero a quen lle importa iso. En realidade, se nalgún lugar do mundo sería inimaxinable que o partido do poder se parapetrara tras unha barricada do silencio sería USA. Alí o seu primeiro problema sería a oposición dos medios. Pero aquí ese é o último problema. 'Sen preguntas, non hai xornalismo', formulouse no crepúsculo do zapaterismo, pero de feito non hai preguntas. Asfixiados pola crise, os medios semellan claudicaren. Mellor cubri-los mitines de fin de semana e dar a catro columnas as notas oficiais. O PP sabe o que se fai.


O silencio pode ser, segundo a máxima unamuniana, a peor das mentiras. Claro que unha sociedade que mantén ao partido dos ERE no poder andaluz ou da maioría absoluta en Valencia e Madrid aos gobernos de Gürtel, non parece que vaia a escandalizarse demasiado por iso. Só é unha anécdota máis, como ver saír ao presidente polo garaxe, non dar a súa contabilidade, converte-las sesión de control do Congreso nun exame da herdanza repetindo 'e ti máis' ou soltar a Montoro a chamar iletrado a quen se atreva a preguntar. Hai motivos. Acaban de lograren a marca singular de teren a todos os seus tesoureiros imputados: sucesivamente Naseiro, Sanchis, Lapuerta e Bárcenas. Dende 1987 a 2013 é todo un fito. O Partido Popular ten moito que calar e, optou por unha solución asombrosa pero moi eficaz: calarse. Non se aprende nos tratados de democracia, pero se ve que funciona.

Te puede interesar