Opinión

A SUBA DO IVE

Fora polo mes de decembro de 1985. Na véspera de se estrear en España o novo sistema de recadación a través do Imposto do Valor Engadido, o tan cacarexado IVE, lembro co plasmaba, por entón, nunha viñeta do xenial Forges na que unha muller coméntalle ao marido que está recostado no sillón lendo o xornal: 'Mariano, a persiana non sube' ao que lle resposta: 'Pois espera que entre en vigor o IVE e verás como sube'. Pouco máis de vinteséis anos despois, dende o día 1, volve a subir case todo co incremento do debatido imposto que supón un alza no tipo xeral que pasa do 18 ao 21%. No caso do reducido, pasa do 8 ao 10% e, o denominado superreducido mantense no 4%.


Algunhas coñecidas marcas e establecementos xa anunciaron que asumirán parte ou toda a porcentaxe do incremento, un bo reclamo comercial para o seus doídos clientes. Moitos consumidores adiantaron a compra dalgúns produtos e outros fixeron longas ringleiras para poñer, ata rebosaren, os depósitos de combustíbel dos seus coches. Algo é algo.


Chega este novo apretón ao peto do cidadán tras aplicarse o aprobado polo goberno o pasado 13 de xullo, unha medida para inxectar liquidez ás menguadas arcas do Estado con 2.300 millóns adicionais este ano, 10.134 millóns o que vén e 9.670 millóns para o 2014. Os que entenden de tanta cifra e de tanta repercusión prevén que os efectos directos e colaterais nalgún sector pódense traducir nunha caída na demanda. No caso das entradas de cine, teatro, circo, concertos, exposicións e, ata o fútbol. E é que ata o desafogado e castizo 'que me quiten o bailao' vai resultar máis caro e, se non? ao tempo.

Te puede interesar