Opinión

URXE A RECUPERACIÓN DO PSOE

España necesita imperiosamente un PSOE estábel, centrado na aportación de ideas e proxectos que resposten a unha lóxica socialdemócrata, ubicado no centro esquerda e polo tanto, capaz de ofrecer tamén un programa aceptábel ao electorado que se sinte identificado con posicións alonxadas dos extremos ideolóxicos porque móvese nun espazo que vota en función da situación, das alternativas ofrecidas e das expectativas posíbeis. O electorado que fai cambia-las maiorías, porque en si mesmo as constitúe.


Os problemas do PSOE son froito de moitas circunstancias, sendo tan complexa a súa solución que lle será difícil saír sen unha clara ruptura co pasado máis recente, coa etapa Zapatero que o deixou ferido de morte, confundido nos seus sinais de identidade, nas súas políticas, na súa mesma organización, profundamente dividida internamente, con difícil composición. Superar esta etapa acostuma obrigado, xa que a cidadanía manifestouse cun rexeitamento profundo cara a mesma. Isto non significa, nin debe significar unha paralela defenestración de quen a apoiou, senón exclusivamente a modificación das políticas, dos obxectivos e das estratexias. Ninguén sobra nun partido que debe ser democrático e aberto a todas as sensibilidades. Hora é de esquece-las fracturas e sumar a un só proxecto común. O Partido Socialista é un partido de goberno e de goberno de España, polo que, a diferencia doutros, está na obriga de asumir políticas de Estado, adaptadas á realidade, abandoando veleidades electoralistas que, aínda que poidan captar parte do voto, sempre propio, en momentos de crise réstanlle credibilidade nesa parte do electorado consciente dos problemas reais e que espera solucións razonábeis, posíbeis e non meros eslóganes desmentidos pola realidade, polos problemas financeiros indiscutíbeis e polo propio pasado. Na súa responsabilidade está o seu futuro. No seu desafogo ou oportunismo, o seu fracaso. Igualmente, á marxe de discursos efectistas ou oportunos, o PSOE debe recupera-la súa imaxe de partido estatal, rachando con estruturas que o minan cara ao interior e exterior; sen unha dirección capaz de ofrecer un proxecto común e que a mensaxe apareza diluida en reivindicacións localistas


incompatíbeis cunha proxección estatal que é a base dun partido de goberno. Moito dano lle está a facer, en momentos de profunda crise nos que o paro e os recortes do modelo social son o problema esencial. Non é unha necesidade que como tal requeira de espazos e reflexión, aínda que CIU obrigue a entrar en dislates sen futuro inmediato.


Imponse a calma, a pacificación interior das súas estruturas, o abandono das fricións pola consecución do poder no seu organigrama interno. O respecto aos elixidos é o presuposto para dotar a estes da necesaria estabilidade ante a cidadanía, calquera que sexan, aquí e aló. Deixar traballar aos elixidos e esixirlles a elaboración dun discurso racional e atractivo. Os ataques minan a súa imaxe e a do partido e réstanlle tempo para se ocuparen da función que se espera deles. Non é cousa de persoas, que non o esquezan, senón de proxectos, de superar unha etapa de destrución das bases ideolóxicas elaboradas durante os anos oitenta e cuxo arrombamento por Zapatero que quiso entroncarse directamente coa Repúbllica nun exercicio de soberbia inaxeitado, deixou ao PSOE sen pasado recente e mergullouno na memoria e nunha época tan lonxana, como indeseábel para servir de referencia. O Partido Socialista Obreiro Español de Felipe González foi moito mellor que o PSOE da República e non velo así é cegueira. A socialdemocracia europea perdeu fol, quizáis pola súa propia displicencia e seu abandono de políticas de referencia próximas no tempo ou, tal vez pola súa excesiva tendencia á regulación ética da sociedade co esquecemento da igualdade no sentido amplo e a solidariedade. O Partido Socialista pode e debe recuperar ese espazo, propoñendo unha volta ás clásicas políticas sociais, no marco dunha Europa que necesita vencer aos mercados, para o que o estados fortes son unha garantía mellor que a atomización insolidaria dos existentes. Ollar cara ao futuro e pecha-los ollos ao pasado lonxano, lembrando o próximo.


O Partido Socialista Obreiro Español é un gran partido que pasa por momentos delicados, sendo culpábel el mesmo da súa situación. Asumi-la responsabilidade é un primeiro paso para atopa-las solución. Débese abrir á sociedade, escoitando, aceptando a súas propostas, pero á maioría. Non ten futuro unha política resumida e ir á contra do PP e sumar a calquera só sobre a base do rexeitamente ao adversario, nun proxecto unicamente común no definido como progresismo, indeterminado e aberto. A unión faina un programa sólido e positivo, de maiorías, non exclusivamente das minorías. Ese foi o erro de Rodríguez Zapatero e a súa fráxil herdanza.

Te puede interesar