Opinión

A casa de Divino Cristo

Hey, you. Chámome Xerusalén Bendito e vou á casa de Divino Cristo. A casa do meu amigo Divino Cristo está no outeiro do Corno, á beira da chaira de Vide. Ir a ela é case como subir o monte Calvario. Para achegarme ata alá teño que pasar por Getsemaní, digo por Detrás das Poulas, a non ser que queira arrodear un pouco indo polos Currás. Para ir á casa de Divino Cristo é como ir a Roma; todos os camiños conducen a ela. O que si é certo é que hai que subir ata ela. Casa de pedra, de dous andares e medio colgando sobre o outeiro do Corno. Se non queres levar traballo subindo, pegas a volta e entras pola chaira de Vide. Veña, menos explicacións, e, ale, a emprender o camiño. Poño o jazz de Cassandra Wilson e dou os primeiros pasos polas rúas de Baños de Molgas. Xa na Pitediña noto que vou falando só e que lle me presento ós amieiros que hai xunto á ponte que cruza para Pinouzos. Son Xerusalén Bendito e vou camiño da casa de Divino Cristo. En Entreloríos sento nunha pedra e deixo que pasen dous temas musicais. Cruzo a ponte do Medo ou das Cabras e axiña collo á dereita para atravesar Detrás das Poulas. Vexo a casa e súame o pensamento ó verme subindo polo Outeiro do Corno. Cando chego alá, Divino Cristo non está.

Te puede interesar