Á caza de cascudas

Á caza de cascudas

Son un pistoleiro no tempo da guerra das galaxias, do tempo de andar polo infinito e moito máis alá. Pero pistoleiro de andar por casa. En cada habitación hai pasquíns ofrecendo recompensas pola caza de cascudas e diversos bichos que poidan alterar o ecosistema dun rancho ou incluso de toda unha pradeira a 25 metros da poboación. Vivo ó outro lado do río Mississippi. Agora estou nesta beira porque vin mercar máis balas para o meu colt 45. Cando cheguei á casa, xa co revólver cargado, entrei primeiro no cortello ou cubil ó que, hoxe, a xente coñece por baño, que adoita ser onde hai máis carrouchas. E tanto!, xa que foi abrir a porta e nin tempo tiven de desenfundar. Por entre as miñas pernas fuxiron tres máis negras có demo, precisamente polas que máis ofrecían: dous dólares por bicho. Claro que tan axiña como pechei a porta, púxenme as botas, a maiores das de Valverde del Camino que levaba postas. Disparei a treo, sen apuntar, e caían como cascudas. Si, eran coscoiras (fóiseme un pouco a cabeza). Percorrín todas as habitacións e pódese dicir que xa ganei o día. E iso só na casa; que cando pillase os 25 metros que testan coa poboación..