A fonto do Muíño

A fonto do Muíño

Eu ía pouco á fonte do Muíño. Porque me quedaba a desmán. A min quedábame mellor a fonte da Lameira. Ás veces, porque oías que a do Muíño era máis fresca que a da Lameira, non quedaba outra que ir ata alá. Pero axiña puña de pretexto a distancia. E entón volvía á fonte da Lameira, que me quedaba moi cerquiña da casa. Cando máis paseos daba á fonte do Muíño era na época das mallas, principalmente cando mallabamos nós ou cando había medas na aira do Trono e na aira do Forno. Na aira do Trono había unha meda fixa: a nosa. Porque nós traballabamos as leiras do José, O Trono. E tiña unha aira. Era o único caso que eu coñecía en que tivese unha persoa soa unha aira. Lémbrese que as airas adoitan ser dun certo número de veciños. Á beira mesmo está xa a aira do Forno, e alí si adoitaba haber máis dunha meda. Así é que cando se mallaba nesas dúas airas, ós que aínda non eramos homes non nos quedaba outra que abastecer ós “homes”. A base de auga fresca. A base de auga fresca da fonte do Muíño. Porque esa fonte si estaba máis preto desas airas que a fonte da Lameira. A fonte do Muíño, para quen non o saiba, está no fondo da carreiriña que parte do bar Gándara, en Baños de Molgas.