A ponte das cabras

A ponte das cabras

A pesar de que unhas finas gallas de amieiro lle impiden contemplar ben o panorama, Laertes Pedroso Levante intenta sacarlle unha foto á Ponte das Cabras, tamén chamada a Ponte do Medo. Porque aí, precisamente aí, para os de Baños de Molgas é onde empeza o Medo, o monte Medo. Xa sei que para os que non son da contorna, o Medo relaciónano co lugar de situación do santuario dos Milagres. Pero para Laertes e para todos os veciños de Baños de Molgas, o nome de Medo asimílase máis a monte. Porque, para el, de rapaz, dicir Medo era dicir “ir ó monte coas vacas”. Laertes Pedroso Levante, o fillo da Calista, tirouse a infancia e boa parte da xuventude levando tres vacas e un burro para o Medo, xeralmente para a parte de Sudalomba e Detrás da Lomba. O fillo da Calista (así era como o coñecía todo o mundo, poucos sabían o seu nome real) observa a Ponte das Cabras e lémbrase de como era antes da reforma, principalmente daquela varanda de ferro medio deteriorada que, cada vez que a vía, sempre pensaba nun golpe dalgún coche e da sorte que tería este de non caer ó río Arnoia. Agora, o fillo da Calista, coloca o móbil diante dos ollos e zumba e dálle en calquera postura e en calquera posición para que a Ponte das Cabras quede ben retratada.