Opinión

A rula e o pitorrei

Tempo de que a rula voe por entre os carballos da Costela e de que o pitorrei acougue un momento para contemplar o instante dunha historia que puido ser e non foi. Tempo de relax nun tempo que non pasa. O único que pasa son os acordes de Fats Waller mentres un escritor pensa que catro liñas ben escritas van cambiar o mundo. Pero quen escribe ben catro liñas? Non é tan fácil cambiar o mundo. Como non é fácil que o pitorrei lle escriba un soneto á rula que pousou na carballeira de Rogelio, O Carabinas. Tempo de barullo nunha noite escura, na que o silencio debería ser o descanso do guerreiro; ou do heroe que se sente incapaz de estar quieto.

Todo se move; incluso o silencio que quere atravesar o ruído. Tempo de que a rula aterre na mesma galla do pitorrei, que leva xa tempo sen facer ruído. Tan só unha pequena raxada de vento é quen de mover unha pluma do pitorrei. O pobre quedou pampo e encollido ante a presenza da súa adoración. Quixo choutar para a carballeira de Salustiano, O Primavera, pero non quería perdela. Á rula.

Te puede interesar