Opinión

A simpleza da TVE

Desde que os rapaces se apoderaron da televisión durante as comidas é case imposible que vexa as novas dos telexornais. Pero cando me coincide de ver algo, principalmente pola mañá cedo, ó estar tomando o primeiro café e lendo este xornal (xa en Maceda) ás veces, ou quizais xa demasiadas veces, decátome da simpleza da televisión que pagamos todos, da TVE, porque, cada vez máis a miúdo, meten nun telexornal que se presume serio, as novas de que pola noite, no programa de Operación Triunfo, sairán os primeiros descualificados ou algo semellante, de que a tal hora no programa MasterChef, eu que sei, cociñará un segoviano que foi ó nabo de Lugo, por exemplo. Xa me diredes que influencia pode ter no noso país, na nosa xente o anuncio deses dous programas. Como se non houbera noticias para meter nun telexornal de pouco máis alá de media hora (si, porque a outra media hora dedícana ós deportes, digo, ó fútbol). E agora, estes días, non queda outra que soportar, que aturar a preparación, a gravación, a interpretación, a dirección, a… do spot da lotería do Nadal. Hoxe mesmo ata penso que xa lle quitou o posto ás novas de Cataluña, que xa é dicir.

Te puede interesar