Opinión

Abraiado polo macabro

A quimera do ouro” (1925) foi a primeira película cómica rodada por Charles Chaplin para ser distribuída pola United Artists. Aínda que creara esa organización xunto a D. W. Griffith, Mary Pickford e Douglas Fairbanks en 1919, a anterior produción de Chaplin para a mesma fora un drama, “Unha muller de París” (1923), que si tivera éxito de crítica pero ningún entre o público. 

Chaplin, como el mesmo confesou, pasou semanas e semanas reflexionando, espremendo o cerebro e dándolle voltas ás ideas coa fin de atopar un bo argumento. A idea asomoulle finalmente un domingo pola mañá, despois de almorzar co matrimonio Fairbanks na súa mansión. Desde ela viu unhas vistas de Alaska e da rexión de Klondike e sentiuse impresionado polo desfiladeiro de Chilkoot, cunha longa ringleira de buscadores de ouro ascendendo polas xeadas montañas, e cun pé no que se describían os sufrimentos e privacións propios desa clase de vida. Pensou que era un tema marabilloso, o suficientemente interesante como para estimular a súa imaxinación. Ó momento ocorréronselle situacións cómicas e gags, e, aínda que non tiña claro o argumento, empezou a crecer un na súa cabeza.

Outra fonte de inspiración foi o libro sobre a catástrofe de expedición de Donner, na que un grupo duns 160 pioneiros despistáronse en Serra Nevada a causa da neve, perdendo así o camiño cara á California. Só sobreviviron 18, e a fame e o frío obrigounos a practicar o canibalismo e a comerse os seus propios mocasíns. Chaplin sempre se sentiu abraiado polo macabro, e aquela traxedia inspiroulle a que é quizais a súa secuencia cómica máis famosa, aquela na que come a súa propia bota con todo o aire dun gourmet, extraendo os cravos coma se fosen os ósos dalgunha ave e tratando os cordóns coma se fosen spaghettis.

Logo de seis meses de pensamentos empezou a rodar o 8 de febreiro de 1924, sen guión, baseándose só en situacións divertidas e gags que se lle ocorreran, e nos estímulos dos escenarios naturais e da propia rodaxe. Esta rematou o 21 de maio de 1925. Unha parte da película, incluíndo a espectacular escena inicial da longa ringleira de buscadores de ouro, rodouse en escenarios naturais das Montañas Rocosas, no monte Lincoln, a onde Charles Chaplin levara a varios centos de vagabundos e esfarrapados.

Te puede interesar