Opinión

Aire en soidade

Xa estamos os que estamos. Os que non quixeron estar, non están. Isto enténdeo calquera. Mais a realidade amósame que estou só. Así é que o plural, mal asunto. Estou só entre catro penedos contemplando unha mancha escura na cara que se ve da lúa (xa sabedes que ten a súa cara oculta). A cara que se ve da lúa é bonita de raio. Bonita e grande. Como me gustaría estar alá! Sei que algún día chegarei e tamén visitarei a súa cara oculta. Quero saber a ver que ten, que agocha. Sigo só entre eses catro penedos, pero axiña me boto a correr por entre os toxos do monte Medo. Algúns déixanme sinais nas pernas. Quéixome, pero tiro para adiante. Ata chegar á zona onde só hai carpazas. Aí sento de novo. E sigo só. Intento buscar a unha laverca polo son da súa melodía. Está no quinto ceo, a condenada. Pero consigo vela. Sorrío. Incluso hai un momento no que me boto a rir. Porque estou só. Sen ninguén ó meu arredor. Tamén o sei pasar ben en soidade. Por exemplo, non fago nada e é coma se non existira. Que mellor opción que non ser nada. Ou ser simplemente o aire que respiro. Son aire en soidade que emprende o camiño, con parsimonia, con moita pachorra, cara á Baños de Molgas.

Te puede interesar