Opinión

A apocalipse do napalm

A pinga esvara polo brazo dereito. Non hai sol. Non chove. Máis ben vai frío. A pinga é de suor. Suor causada pola angustia ó ver como caen bombas de napalm sobre a chaira que se ve na distancia. Bombas lanzadas pola xenreira dunha idea. Aí está... o meu Apocalypse Now particular. E non son Francis Ford Coppola nin moito menos Martin Sheen.

Son o carrusel que dá voltas cando a noite asoma entre o soño e o sono, entre o toxo e a súa flor, entre o lapso que vai do remate do ruído ó inicio do silencio. Bailarei sobre a tumba dun escornabois, abrasado polo napalm da inclemencia, aquela que arrasa a noción, o concepto, a consciencia do que puido ser e non foi.

A pinga secou xa a causa da calor. A congoxa xa dorme no sono profundo daquela fantasma ou espectro que deixou de roldar a habitación. Agora queda o tempo agatuñando en silencio polas paredes brancas dunha noite sen fin. Sempre pensei que o meu universo era tan só meu, pero vexo que unha simple vacaloura me remorde a conciencia. Porque algúns, poucos, aínda temos conciencia.

Esperto coa alegría dunha película que quero rodar ou dun libro que quero escribir, mais a quimera da vulgaridade fai que tal soño se volva pesadelo. E o berro de Chavela Vargas dime que ser covarde non vale a pena, porén a valentía é coma un arrouto seco que se dilúe, que se esfuma ante a calor do napalm. Non queda outra que pensar que a apocalipse está tan só na miña cabeza e que o universo é inmenso e bonito. Cantarei, entón, unha misa de réquiem polo escornabois da chaira, a única vítima dunha aversión que fungaba no aire. Toca volver ós tempos de aquí paz e despois gloria.

Te puede interesar