Opinión

As sílabas da inocencia

Píntame o bigote con tres cores de indiferenza e asubíame unha melodía que me faga soñar coas noites de inverno e cos amenceres da primavera. Pero quen son eu para bailar sobre os xeranios da memoria ou sobre os carrizos dos Lamas? Quizais o universo sobre min, de Amaral, me ofreza vinte estrelas polo nordés e catro lóstregos que me manterán en calma. Sábese que despois da tempestade sempre chega a calma. Debúxame o ollo esquerdo sobre o feltro dunha lareira no que se filtre o lume dos sentimentos. Pero quen vai ir máis alá de dous metros cadrados nos que non hai nada? Xa sei que luz do candil alumeará sempre os sorrisos da infancia e as bágoas da impotencia. Quen máis quen menos verá como a súa conciencia treme; treme de medo. Mírame a liña escrita que alguén deixou caer sobre a miña fronte, na que unha palabra enlaza coa outra ata o punto final. Todo ten a súa fin. Incluso unhas pingas de suor que borran as sílabas da inocencia e que caen por aqueles tempos nos que as horas eran suspiros e os segundos, eternos

Te puede interesar