Opinión

Atrancos ás axudas do viñedo

O venres espertei coa nova deste xornal de que a Consellaría do Medio Rural se nega a dar axudas ó viñedo por culpa das xeadas de hai máis dunha semana. Se digo que quedei alucinado mentiría un chisco porque xa lera outras manifestacións de que tal estamento non estaba para a labor, é dicir, que non me colleu de sorpresa. Claro que aínda que a conselleira non hou

bese comentado nada, eu xa desconfiaba de que todo sería auga de bacallau, e máis partindo dunha (seica) filla de labregos, porque no noso país sempre fomos así de chulos e tiramos as pedras contra o noso propio tellado. 

Medio Rural enténdese que está aí para apoiar precisamente ó campo e non para poñerlle atrancos como llos está pondo. Parece mentira que unha filla de labregos non queira ver agora a problemática do campo. Un deses atrancos ás axudas do viñedo semella que é porque, en proporción, os danos non son tan cuantiosos, que tan só veñen alcanzando un 30% en todo o Ribeiro. Pero non analizan que a moitos viticultores o dano foi do 100 por 100. E esta xente do 100 por 100, ollo ó dato, non só van perder a colleita deste ano, senón que xa veremos se conseguen recuperar algo, e digo algo, para o seguinte. 

Ese mesmo venres, pola noite, asistín a unha reunión sobre esta catástrofe (señora Ángelez Vázquez, aínda que lle custe asimilalo, foi unha auténtica catástrofe) e confeso que quedei impresionado pola cantidade de xente á mesma (coidadiño entón co do 30%) e pola preocupación que se vía debuxada nos seus rostros. Repito, non é a perda dun só ano. Así é que, filliña ¿agricultora?, non queda outra que manifestarse.

Te puede interesar