Opinión

Atrapados na hipocresía

Chegou a neve e nela aínda seguen atrapados o caso Koldo e a amnistía catalá. Estes dous asuntos son de faca e callao, é dicir, de botar a correr ou de armas tomar. O caso Koldo é de escándalo e se a xustiza fose como debería ser, hoxe por hoxe luns, xa tiña que estar máis que resolto. Ou sexa, cuns cantos ou moitos ou os que estean implicados aínda que só sexa cun salouco, digo que deberían estar penando xa por todo ese ladroízo que levaron a cabo. Recoñezo que me alporizo axiña cando vexo que están a xogar coas nosas economías.

Que é o que me está a suceder tamén con ese “señor” chamado don Carlo Ancelotti. Que si, que moi bo home cos “seus nenos”, e que todo un cabaleiro, e que todo un señor, pero chegado o momento de andar na faldriqueira, aí é... practicamente coma os políticos e coma todos aqueles ricachóns que canto máis teñen máis queren. E se poden defraudar a Facenda, dálle para adiante, que os auténticos impostos xa os pagarán os pombos. Que pague xa dunha vez o que debe e coas súas recargas correspondentes.

Estou farto de oír e ler comentarios das axudas que “presuntamente” se lles dan a todos ós que chegan ó noso país de “mala maneira”, pero aínda non lin nin oín nada sobre o “escaqueo contributivo” do señor italiano. Este ben de fóra de “boa maneira”. Que aínda hai clases; faltaría máis.

Sobre a amnistía non opino porque, co que opinase, ninguén me faría caso. Entón, paréceme unha parvada darlle a miña opinión a alguén que sei que non vou convencer. Como tamén sei que ninguén me vai convencer con criterios diferentes ós meus. Porque eu, a miña idea, tívena sempre moi clara. E, como non son un vira chaquetas, sigo coa mesma. Así é que a maioría pode seguir esbardallando que, eu, nin caso.

Último parágrafo para volver ó tema das eleccións galegas. Hai uns días houbo concentración en Maceda porque a Xunta leva un ano sen arranxar a rúa principal da localidade. O asunto é para protestar con forza, pero (sempre hai un pero) o PP, é dicir, a Xunta acadou 756 votos, o 47,51%. Non deben estar tan descontentos entón. E xa dixen algo semellante con respecto á Sanidade, Educación, estradas, lingua, etc., que todo vai mal, pero unha maioría absoluta non son unha ducia de votos, un cento de votos. Que a ver se sabemos votar, carallo. Porén, somos algo farsantes, moi hipócritas.

Te puede interesar